Barro incorpórase ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
Por Redacción
O Concello de Barro xa é novo membro do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Así o vén de anunciar o goberno municipal que celebra que, deste xeito, a vila contribuirá ao impulso de proxectos de desenvolvemento en países empobrecidos e á concienciación da veciñanza fronte as desigualdades a través de diversas actividades.
"Incorporámonos ao Fondo Galego porque pensamos que os proxectos de cooperación internacional sempre son moi positivos", explicou o alcalde Xosé Manuel Fernández Abraldes.
Abraldes sinalou que a pesar de ser un concello pequeno e con posibilidades económicas modestas "parecíanos importante contribuír co noso gran de area, pois a cooperación internacional é fundamental para buscar unha meirande igualdade social no mundo".
En función da súa poboación, a Barro correspóndelle achegar unha cota anual de 392 euros, que serán reinvestidos tanto en accións de cooperación internacional como en actividades de sensibilización en Galicia.
A xeito de benvida, o Concello de Barro recibirá proximamente a exposición Galicia-Cabo Verde: unha irmandade, coas fotografías de Rober Amado, e mais a actuación do grupo Batuko Tabanka, integrado por mulleres de orixe caboverdiana afincadas na Mariña lucense, co fin de promover a interculturalidade.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 85 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento.
Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido uns 150 proxectos en 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios.