De Tui a Santiago pisando o acelerador (militar)
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
120 quilómetros e 7 probas en menos de 34 horas e 40 minutos. O reto xa de seu é complicado e enduréceno moito máis condicións meteorolóxicas como as deste mércores, nas que por momentos o sol pegaba con forza e a humidade facíase inaguantable. A pesar de todo, parece non resistírselle aos militares que desde as 8.00 horas participan no concurso de patrullas Tui-Santiago que organiza cada ano a Brigada de Infantería Lixeira (Brilat) con motivo do seu aniversario.
O deste 2016 é o 50 aniversario da Brigada e queren celebralo ao grande, de modo que apostaron pola internacionalización da proba, con catro patrullas de exércitos estranxeiros. Son do Reino Unido, Bélxica, Portugal e Francia e o resto de participantes, ata os 22 equipos deste ano, complétanos 10 patrullas da Brigada e oito doutras unidades das Forzas Armadas españolas. En total, son 132 patrulleiros, oito mulleres, todas da Brilat: unha no equipo do Batallón de Zapadores, tres do Batallón do Cuartel Xeral e catro do Rexemento Isabel a Católica 29.
A pesar da internacionalización e gran variedade de participantes, os galegos están a revelarse como os máis fortes no concurso. Nun tempo récord de 6 horas e 26 minutos cubriron o primeiro tramo da ruta os seis integrantes dunha das patrullas do Terzo Norte de Infantería de Mariña, con sede en Ferrol. Igual rexistro tivo outra patrulla desa mesma unidade e en dous minutos máis chegaron os do Grupo de Artillería da Brilat.
O tempo non é o marcador definitivo do resultado do concurso, senón que tamén puntúan os resultados das sete probas que deben realizar e hai descontos e penalizacións, pero, en todo caso, quen está á cabeza varias horas despois do inicio da proba son as patrullas do Terzo Norte e da propia Brilat, indo nos últimos postos os estranxeiros.
Entre os primeiros en completar o primeiro tramo da ruta entre Tui e a base da Brigada en Figueirido e, por tanto, en realizar as dúas probas situadas na cidade de Pontevedra está o sarxento primeiro David Lozano, da patrulla do Grupo Loxístico da Brigada. Antes de facer o salto de rápel na ponte de Monte Porreiro e o paso a nado do río Lérez na contorna da Illa das Esculturas e a ponte dos Tirantes, indicaba a PontevedraViva a súa satisfacción polo resultado das probas xa realizadas, percorrido topográfico, tiro de precisión e pista de aplicación, todo a pesar da calor e a humidade da xornada.
Esta é xa a sexta ocasión na que este sarxento primeiro da Brilat participa no concurso de patrullas e en dúas ocasións quedou en primeiro (ano 2008) e segundo lugar (ano 2009), de modo que xa ten experiencias de anos anteriores con condicións climatolóxicas adversas, como os 36 graos e o 80% de humidade relativa do ano 2010. Pero o tempo non lles frea, as ganas de chegar á praza do Obradoiro e, sobre todo, o espírito de superación e compañeirismo anímanos a continuar.
"El compañerismo, que el que marca el ritmo no es el más fuerte, sino el más débil" é, para este sarxento primeiro, o máis positivo deste concurso de patrullas. Trátase de "una prueba que es de conjunto, no individual" e foméntase o espírito de equipo xa desde os longos adestramentos das semanas anteriores. No seu caso, levan un mes de adestramento intensivo, pois antes estiveron un mes nas manobras de Polonia que lles cortou o calendario.
Relacionadas:
-
Peregrinos de verde... militar
Por Natalia Puga |
-
O concurso Tui-Santiago da Brilat reunirá 21 patrullas de España e Portugal
Por Natalia Puga |
-
A Tui-Santiago segue batendo récords: 120 quilómetros e 7 probas en menos de 22 horas
Por Natalia Puga |
-
O concurso Tui-Santiago da Brilat avanza cara á súa internacionalización con catro patrullas estranxeiras
Por Natalia Puga |