Este luns péchanse as rúas da Barca e Javier Puig para acometer melloras
Por Redacción
A rúa Javier Puig péchase ao tráfico a partir das 09.30 horas da mañá deste luns 5 de setembro. Co obxectivo de facilitar o acceso de San Antoniño a Benito Corbal, abrirase a rúa José Millán, cambiando o sentido habitual de circulación. A rúa José Millán atópase aberta desde o venres, unha vez finalizada a obra de rehabilitación integral da rúa.
A rehabilitación de Javier Puig foi adxudicada á empresa EC Casas por 334.556 euros, que inclúe melloras dos cruces coas rúas Benito Corbal e San Antoniño.
Nestes traballos, segundo sinala o goberno local, priorizaranse os tráficos peonís sobre os rodados. O tratamento previsto na licitación é de bandas segregadas, cunha distinción física de materiais entre o carril de tráfico rodado que levará aglomerado asfáltico e as beirarrúas, que serán de lousa de cemento. A actuación contempla unha renovación dos servizos da rede de abastecemento de auga, de saneamento e de canalización da iluminación eléctrica. Os novos farois non estarán situadas nas fachadas, como sucedía ata agora.
RÚA DA BARCA
A rúa da Barca pavimentarase a partir deste luns ata o mércores. Establécese un cambio de tráfico en Jofre de Tenorio a partir das 09.30 horas garantindo a entrada aos garaxes. A Barca tamén foi rehabilitada coa reparación especial do saneamento, que se atopaba en moi mal estado. Ademais arranxáronse as fochancas e reformáronse os pozos de servizo, substituíndo os tubos en mal estado.