Un convenio permite ao Concello de Vilagarcía usar un solar do Piñeiriño como aparcamento público
Por Redacción
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e o representante da familia González Garra, asinaron esta semana no Concello o convenio mediante o cal o Concello poderá habilitar como estacionamento público a finca situada a carón do colexio do Piñeiriño, propiedade da familia. Por un aluguer simbólico de 1.200 euros ao ano e por un período de 3 anos, o acordo permitirá ademais rematar as beirarrúas da rúa Alfredo Brañas, unha actuación moi demandada pola veciñanza do barrio e pola comunidade escolar.
O solar ten unha superficie total de 8.544 metros que quedan a disposición do Concello para habilitar o aparcamento, para o cal a administración local comprométese a realizar as labores de limpeza, desbroce e recheo que sexan precisas, co que se obtén un segundo beneficio que é garantir o perfecto estado da finca.
Esta nova bolsa de estacionamento gratuíto contribuirá a aliviar as carencias que existen na actualidade no municipio e que, neste caso, dará servizo tanto ao colexio como ao complexo multideportivo de Fontecarmoa, en especial durante a celebración de grandes eventos.
No convenio tamén se fai constar a cesión ao Concello dunha franxa de terreo de 265 metros cadrados que permitirá adaptar a finca á aliñación da rúa e dar continuidade á beirarrúa que actualmente remata no recinto escolar. O Concello asume a realización da obra que se acometerá tan pronto como remate o período festivo e as obras de posta a punto dos centros educativos. A demandada medida mellorará a accesibilidade e a seguridade viaria nunha zona moi transitada, non só polos escolares, senón tamén polas numerosas persoas que acoden a diario ás instalacións deportivas municipais.
O goberno local xa anunciara hai uns meses a súa intención de negociar con propietarios de solares baldíos aos que non lle están sacando rendemento a posibilidade de alugalos por un prezo simbólico –similar ao que abonan ao Concello en concepto do IBI- para poder utilizalos como bolsas de aparcamento público e gratuíto, sen prexuízo de futuros plans da propiedade. O rexedor agradeceu a dispoñibilidade da familia González Garra e apuntou que continuarán as xestións con outros propietarios de terreos para avanzar nesta liña