Cultura urbana e audiovisual cítanse durante tres días en Marín
Por Redacción
Este mércores 24 de agosto empezarán en Marín tres días cargados de actividades moi vinculadas á 'cultura urbana' e ao audiovisual, o evento 'Campeche Gravando'. Ata o venres 26 desenvolveranse talleres, exhibicións e actuacións musicais organizados pola asociación deportiva e Social IZEL United coa colaboración do Concello.
Representantes da asociación e o concelleiro de Deportes de Marín, Antonio Traba, presentaron este martes o evento cultural e deportivo, que se desenvolverá entre o Parque Azul e o Ateneo Santa Cecilia todo con actividades gratuítas. As persoas interesadas en inscribirse nas actividades participativas xa poden facelo no correo electrónico campechegravando@gmail.com
Os seus organizadores explican que 'Campeche Gravando' é unha actividade lúdico-deportiva e multidisciplinar que ten como finalidade a promoción e difusión da cultura urbana, a práctica do deporte, a música e o audiovisual entre os máis novos de Marín con motivo da conmemoración do Día Internacional da Mocidade, que se celebrou o pasado 12 de agosto.
Sinalan que se trata dun programa motivador e inspirador que fomenta a superación persoal entre os mozos e busca que gocen da práctica de deportes urbanos á vez que aprenden técnicas e pautas de gravación básicas, para poder crear as súas propias pezas audiovisuais enfocadas á temática da actividade para desenvolver. Aprenderán técnicas de gravación e montaxe dinámicas acordes ao seu deporte, para crear pezas de vídeo orixinais.
O mércores 24 e o xoves 25 será a quenda dos talleres e o venres 26 haberá un evento final que incluirá a partir das 16.00 unha exhibición de riders e sobre as 21.00 unha actuación musical de 'Rap a Golpe de Beatbox', ademais de obradoiros urbanos de grafiti ou beatbox, unha batalla de micros e a proxeción do documental Dream Big - Skateboarders in Ethiopia, da ONG Magabi Skate de Etiopía, que relata o traballo que realiza esta organización a favor dos mozos do país.