Libros, material escolar, roupa, calzado… volven o cole e un gasto mínimo de 628 euros por neno
Por Redacción
A Volta ao Cole está preto e, con ela, os gastos asociados aos que cada ano debe facer fronte cada familia. Como xa é habitual, a Federación Provincial de Comercio de Pontevedra realizou unha enquisa sobre ese desembolso económico e, como conclusión, sinalan que a expectativa do gasto expresada polos enquisados indica que se producirá un crecemento ao redor do 6 por cento sobre os mesmos datos do ano anterior.
A enquisa tenta determinar o gasto medio en libros, material escolar, uniformes, roupa, transporte, comedor escolar e no caso dos colexios privados e concertados, matrículas. O resultado é que se estima que os pais con nenos en colexios públicos gastarán de media 628,89 euros, cifra que ascende a 868,18 euros nos centros concertados e a 1.215,50 nos privados.
A estas cantidades habería que unirlle os gastos en actividades extraescolares, deportivas e de lecer ás que acoden a maioría dos nenos. Xunto aos gastos de comedor e transporte, que tamén son mensuais, poden supoñer ao mes 141,19 euros en colexios públicos, 180,63 en concertados e 589,95 en privados.
Os datos obtivéronse entre os días 5 ao 17 de agosto, a través de 2.000 enquisas a pé de rúa nos municipios de Vigo, Pontevedra, Vilagarcía de Aurosa e 35 concellos de máis de 3.000 habitantes da provincia. Preguntouse a pais con fillos en idade escolar.
Desagregando os gastos, a media sitúase, para todo tipo de centros, en 230,40 euros en libros de texto, 87,56 en material escolar e 19,93 en mochilas. Este gasto é común para todos, pero habería que sumar outros gastos que poden variar, tales como o comedor, que oscilan entre os 92,96 euros en comedor e 50,49 en transporte nos colexios públicos e os 148,63 euros en comedor e 114,75 en transporte nos privados.
Nos centros privados e concertados hai que sumar o gasto en uniformes, que rolda os 317 euros, e nos centros públicos o comezo do curso escolar supón a compra de roupa e calzado por un custo medio de 147,55 euros.
Ademais, nos centros privados hai que sumar o custo da matrícula, que sería duns 297,23 euros, e da mensualidade, 404,23 euros.