O Día de Galiza Mártir celébrase, por primeira vez, con divisións nacionalistas
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
O presidente da Fundación Castelao, o escritor Carlos Mella, reclamaba na tarde deste mércores 17 a unidade do nacionalismo e do galeguismo nos actos celebrados na Caeira con motivo do Día de Galiza Mártir. Mella sinalou que "non podemos ter 18 nacionalismos ou galeguismos" e criticou o minifundismo da política nacionalista: "cada quen quere ter a súa leira". As súas palabras recibiron o aplauso do máis de medio cento de persoas que acudiron á tradicional homenaxe á figura de Alexandre Bóveda no municipio de Poio.
Na Caeira atopábanse representantes de diversas forzas políticas e dous candidatos á presidencia da Xunta de Galicia: Ana Pontón, candidata do BNG e Xoán Bascuas, candidato de Compromiso por Galicia. O terceiro candidato dunha forza relacionada co nacionalismo, Luís Villares, de Marea, tamén se atopaba en Pontevedra, pero non asistiu ao evento organizado polos concellos de Poio e de Pontevedra no lugar no que foi fusilado Bóveda. Villares só participou do acto organizado por Marea Pontevedra ante San Francisco coa presenza de Xosé Manuel Beiras.
No evento en Poio tampouco faltaron representantes do grupo municipal do PSOE neste Concello con Chelo Besada á fronte ou concelleiros do Partido Popular como César Abal ou o portavoz en Poio, Ángel Moldes. A eles sumáronse outros cargos políticos como os deputados nacionalistas Eva Vilaverde e Xosé Leal, ademais de caras coñecidas como o escritor Rodrigo Cota; o ex presidente do Pontevedra C.F., Gerardo Lorenzo; o presidente de APDR, Antón Masa; o ex fiscal Benito Montero; o alcalde de Barro, Xosé Manuel Abraldes; Fernando Filgueira, Camilo Nogueira, Xabier Vence, Guillerme Vázquez e Xabier Aboi.
Ao acto acudiron tamén os alcaldes de Poio e de Pontevedra, Luciano Sobral e Miguel Anxo Fernández Lores, que acompañaron á única filla viva de Alexandre Bóveda, Amalia Bóveda, quen nunha emotiva intervención fixo referencia aos 80 anos do levantamento militar. "Non hai chumbo que remate coa túa razón", afirmou lamentando, ademais, os incendios dos veráns e reclamando un futuro mellor.
O acto finalizou coa ofrenda floral ante o monumento de pedra e a interpretación do himno galego a cargo da Escola de Música Tradicional de Poio.
ACTOS POLÍTICOS
Se Marea Pontevedra organizaba un acto ao mediodía fronte as escaleiras de San Francisco, o BNG tamén realizou un encontro en memoria das vítimas da represión franquista coa presenza da candidata Ana Pontón e o candidato por Pontevedra, Luís Bará no Sexto Edificio do Museo durante a mañá. Xa pola tarde, o cemiterio de San Amaro acolleu o acto cívico en lembranza das vítimas e a partir das 20.30 horas desenvolveuse o tradicional acto organizado polo Bloque en Curros Enriquez con motivo desta data.
Relacionadas:
-
Un xantar popular en Poio, novidade nos actos do Día de Galiza Mártir
Por Diego Espiño |
-
En Marea presenta en Pontevedra unha candidatura que "vai gobernar para a cidadanía" fronte a un Feijóo "de cartón pedra"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Pontevedra homenaxeará durante todo 2016 ás vítimas 'silenciadas' da represión franquista
Por Alejandro Espiño |
-
Netos de Alexandre Bóveda e de Filgueira Valverde rexeitan a utilización política dos seus avós
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |