Desaloxan un cámping e o acuario do Grove para unha 'explosión controlada'
Por Natalia Puga
O acuario do Grove e o cámping situado nas inmedicaciones da praia das Pipas, en San Vicente, tiveron que ser desaloxados na tarde deste sábado para poder realizar con totais garantías de seguridade unha explosión controlada dun detonador de explosivos que fora localizado horas antes entre unhas rocas.
A explosión produciuse sobre as 20.30 horas, pero o dispositivo de seguridade levaba xa varias horas en marcha, de modo que causou gran expectación na contorna da praia das Pipas. Ademais, levou establecer un perímetro de seguridade que incluíu a colocación dun cordón policial nas proximidades custodiado pola Policía Local do Grove, Protección Civil e a Garda Civil e a presenza de varias embarcacións do servizo marítimo da Garda Civil para impedir que outros barcos e bañistas se aproximasen ao lugar.
Un veciño localizou á primeira hora da tarde un detonador nunha zona rochosa da praia e alertou á Garda Civil, que comprobou que se trataba dun explosivo dos utilizados habitualmente en explosións en obras ou en canteiras. Neste caso, fontes veciñais apuntaban a posibilidade de que se tratase dalgún resto que quedou no lugar cando se realizaron as obras no espigón.
A presenza do explosivo obrigou ao desprazamento á zona do grupo de desactivación de explosivos da Garda Civil, que horas despois, e por seguridade, acabaría facendo a explosión controlada. Para evitar incidentes, decidiuse desaloxar a contorna.