A Cámara de Comercio garda silencio sobre a reclamación do Concello polas facturas rectificadas de Pomóvil e Ferpalia
Por Natalia Puga
O procedemento administrativo aberto polo Concello para reclamar á nova Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa que lle reintegre 34.772,77 euros do diñeiro que lle entregou en concepto de subvencións incorrectamente xustificadas segue adiante. O proceso superou un novo trámite que implica que a entidade cameral deberá pagar finalmente o diñeiro reclamado.
Segundo avanzara PontevedraViva, o Concello reclamou á Cámara o diñeiro que lle entregou en concepto de subvencións para a celebración das feiras Pomovil e Ferpalia nos anos 2010 e 2011 e que, segundo tivo coñecemento a través do xulgado, xustificáronse utilizando facturas logo rectificadas.
Tras abrir ese procedemento administrativo o 12 de maio, iniciábase un prazo de alegacións no que, segundo se soubo, a Cámara púxoo en coñecemento do Pleno. Pero finalmente ese prazo para alegar pechouse sen que tentase desmentir o argumentado polo Concello. Ao non presentarse alegacións, o portavoz do goberno local, Raimundo González, interpreta que a Cámara dá por boa a súa reclamación e, por tanto, todo segue adiante.
O Concello concedeu subvencións á Cámara nos anos 2010 e 2011 para organizar estas feiras e Pontus Veteris conforme a dous convenios de colaboración que establecían que lles abonaría ata o 50 por cento do custo da organización das actividades, sempre sen superar os 115.000 euros. En ambas as anualidades, a Cámara entregoulle facturas co custo das feiras e o Concello achegoulles o diñeiro correspondente.
Con todo, o pasado mes de abril, chegou unha comunicación oficial do Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra pedindo ao Concello un informe relativo a estas subvencións e achegando unha serie de documentación, entre ela, facturas rectificativas das presentadas como xustificación das subvencións outorgadas e descoñecidas pola administración municipal. A Cámara entregáralles unhas facturas conforme ás que se calculou o 50 por cento para darlles a axuda municipal, pero posteriormente rectificounas elaborando unha factura por un importe inferior.
Tras recibir esa nova documentación, o Concello detectou documentos xustificativos da rectificación doutros xustificativos de gastos e decidiu esixir o reintegro da subvención correspondente a eses gastos. Enténdese que, ao rectificarse as facturas por un importe inferior sen comunicalo ao Concello nin acreditalo de ningún xeito, redúcese a porcentaxe subvencionable e, por tanto, esíxense que lle devolvan a diferenza e os intereses.
Relacionadas:
-
Condenan a prisión a Charo Lorenzo e ao empresario Manuel Cabada
Por Redacción |
-
As frontes xudiciais abertas copan o Pleno da Cámara de Comercio
Por Natalia Puga |
-
Marea propón un uso social para os cartos devoltos pola Cámara de Comercio
Por Redacción |
-
O Concello reclama á Cámara de Comercio que lle devolva 34.000 euros non xustificados de subvencións de 2010 e 2011
Por Natalia Puga |
-
O Consello de Contas detecta irregularidades da Cámara de Comercio na xestión de Pomovil e Ferpalia
Por Natalia Puga |