Bueu presenta a XVII edición da súa tradicional Festa do Polbo
Por Redacción
Unha programación que combinará a degustación do tradicional polbo á feira e as variedades ofertadas polos establecementos con actividades complementarias para todos os públicos. É o que ofrecerá a decimo sétima edición da Festa do Polbo de Bueu, que se celebrará na fin de semana do 12 ao 15 de agosto.
Na presentación da festa, que tivo lugar no Museo Massó, un lugar elixido polas sinerxías que ten Bueu co mundo marítimo, a concelleira de Turismo, Silvia Carballo, asegurou que "é toda unha honra celebrar festas coma estas que poñen en valor os recursos da terra", idea que tamén apoiou o alcalde Félix Juncal, que incidiu na "internacionalización e promoción do Polbo das Rías e desta festa por lugares como Allariz e Ribadesella".
O rexedor incidiu en que se trata dunha festa estratéxica para a vila, e que por iso este ano se agarda bater todos os récords, ao incluír unha carpa nun espazo máis amplo e organizar catro días de festa.
A festa celebrarase nunha carpa de 1.500 metros sita no Campo da Estacada, onde se está celebrando esta fin de semana o Festival SonRías Baixas.
Os postos gastronómicos estarán abertos o venres 12 de agosto, de 19.30 a media noite, o sábado e domingo de 11.30 a 16.30 e de 19.30 ata media noite, e o luns, de 11.30 a 16.30. Os custes das especialidades serán de 5 e 7.50 euros e a novidade con respecto a anos anteriores é que non haberá stand do Concello, polo que o polbo á feira pode degustarse en calquera dos establecementos participantes.
Ademais, as variedades ofertadas serán de parte do Nuncia, garavanzos con polbo, croquetas de polbo, láminas de pataca con polbo, e arroz con polbo e salsa de allo; o Rosa de los Vientos, terá un guiso de arroz con polbo, polbo con fabas de Lourenzá, polbo frito, polbo á prancha, croquetas de polbo á feira, paté de polbo e empanada de millo; e o Rincón de Cela, fará as delicias co carpaccio de polbo con ovos de ourizo de mar, polbo en caldeirada, polbo á prancha e empanada de millo.
Xa o mesmo día de inicio, en torno ás 21 horas, está organizada unha actuación do grupo buenense Retrouso de Cela. O pregón será o sábado ás 12 horas a cargo de Isabel Risco, actriz e humorista, que ten participado en galas e diversos programas de humor. O venres e sábado terá lugar o mercado temático da conserva no primeiro andar da Praza de Abastos, en horario de 10 a 14 horas, cunha serie de expositores e diversos obradoiros.
A programación da Festa do Polbo inclúe outras actividades, sendo o domingo o día forte, xa que a compañía Limiar Teatro presenta ás 19 horas A lingua na boca, un espectáculo no que se presenta de xeito ameno a biografía de Castelao, actividade inserida no Ano Castelao da Deputación de Pontevedra.
Outra das actividades estrela é a do grupo folk Treixadura, que porá a música a este evento gastronómico a partir das 22 horas do domingo.