18 confrarías da provincia recibirán máis de 190.000 euros da Deputación
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de conceder as axudas ás confrarías pescadores da provincia de Pontevedra para investimentos por valor de 190.126,31 euros, unha cifra moi próxima ao cen por cen do orzamento aprobado para este fin, situado nos 200.000 euros.
As axudas foron concedidas a 18 confrarías de pescadores de 15 concellos da provincia. A todas elas se lles valorou coa máxima puntuación en cuestións como a adecuación dos investimentos aos intereses provinciais, ao considerar que o seu bo funcionamento é fundamental para o desenvolvemento do sector pesqueiro da provincia.
Estas subvencións, que puideron ser solicitadas por todas as confrarías, a federación provincial de confrarías e, por primeira vez, as agrupacións de mariscadoras da provincia de Pontevedra legalmente constituídas e que desenvolvan as súas actividades no ámbito provincial, teñen como obxecto apoialas en proxectos e actuacións que se enmarquen en eidos como os seguintes: a formación técnica e asesoramento para o seu desenvolvemento, o uso das novas tecnoloxías, enerxías renovables e o aforro enerxético ou a adquisición de equipos e sistemas informáticos, entre outros.
Das 18 solicitudes presentadas, as melloras na produtividade e as novas tecnoloxías foron as liñas de axuda máis demandadas polas confrarías. Cabe resaltar, ademais, que todas estas axudas derivarán na creación de postos de traballo.