Os catro grupos da oposición pactan unha proposta para reactivar o PXOM e o BNG plántaos
Por Natalia Puga
Os catro grupos políticos que compoñen a oposición no Concello de Pontevedra, Cidadáns, PSdeG-PSOE, PP e Marea Pontevedra, pactaron o contido dun documento que sirva de folla de ruta para reactivar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) como conclusión dos sete meses de traballo da comisión especial para o estudo e impulso do Plan creada tras as últmas eleccións municipais.
O pacto foille trasladado este xoves ao grupo de goberno do BNG nunha reunión desa comisión, pero non chegaron a ningún entendemento, senón que os dous representantes nacionalistas no encontro levantáronse do mesmo antes de sometelo a votación ao considerar que "nos parece unha falta de respecto aos veciños e veciñas desta cidade e unha falta de respecto ao Concello de Pontevedra"
A presidenta da comisión, a concelleira de Cidadáns María Rey, compareceu ao termo da mesma e explicou que o documento non só está acordado polos catro grupos da oposición, senón que conta co apoio da Delegación de Pontevedra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), o Colexio Oficial de Aparelladores, Arquitectos Técnicos e Enxeñeiros da Edificación de Pontevedra (COAATPO), a Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa (AEMPE) e a Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE).
O concelleiro do BNG Demetrio Gómez estivo presente na reunión deste xoves xunto á tamén concelleira do grupo de goberno Anabel Gulías e, ao termo, tamén explicou os motivos dese plante á oposición. Segundo indicou, "un documento coma ese non é serio e pretender que se vote nese momento tampouco", pois entregáronllo xusto antes da comisión e a intención da oposición era que o lesen durante a reunión e decidisen se votaban a favor ou non.
María Rey lamentou a actitude pouco respectuosa dos representantes do BNG, tanto como grupo como eles persoalmente, pois" en un gobierno democrático el diálogo es fundamental". Ante esta decisión de plantar a comisión, convocouse unha nova reunión para o 30 de agosto na que se votará, co obxectivo de deixar o informe a disposición do grupo de goberno "para ver si quieren aportar algo o si se quieren unir al mismo". Respecto diso, Gómez indicou que o seu grupo necesita tempo para analizar o documento, pois "seguro que está cheo de terxiversación".
A concelleira de Cidadáns compareceu acompañada de tres compañeiros de partido arquitectos de profesión, Carmen Santiso, Agustín Pouseu e Cintia Solla, que colaboraron na redacción das conclusións. Sobre as mesmas indicaron que a proposta pactada pola oposición pasa por instar o goberno local a que retome a redacción e aprobación do PXOM e se adapte o documento actual á nova Lei do Solo de Galicia e ao resto de normativa aplicable.
Ademais, segundo pactou a oposición, proponse remitir á Xunta de Galicia o documento resultante para que emita un informe preceptivo previo e solicitar unha reunión coa conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a secretaria xeral de Urbanismo para coñecer a posición do goberno respecto a este tema e buscar unha solución dialogada á situación.
Nesa reunión estarán presentes todos os grupos políticos para buscar consenso e un cambio de rumbo do urbanismo en Pontevedra, pois a cidade "tiene un modelo estético y le falta un modelo económio, de transporte, un modelo que apueste por una ciudad del siglo XXI y no por una ciudad museo, que es en lo que se está convirtiendo".
Demetrio Gómez considera, ante todo isto, que os grupos da oposición tentan gobernar Pontevedra ou que o BNG goberno "como eles queren". Ante tal situación, recomendoulles que xa que se puxeron de acordo para facer as súas propostas sobre o PXOM, cheguen a un acordo tamén para sacar aos nacionalistas do goberno. Insistiu en que toda a oposición ten os votos suficientes para facelo e "se teñen interese e están todos de acordo para facer unha serie de cousas, é moi sinxelo, que poñan a Jacobo Moreira como alcalde e que as fagan". Mentres non propoñan esa moción de censura, pídelles que lles deixen gobernar, pois o grupo de goberno "non imos andar con trapalladas".
Relacionadas:
-
Pontevedra podería ter PXOM con "vontade política" do Concello, segundo a Xunta
Por Redacción |
-
O PXOM, do novo nunha canella sen saída
Por Alejandro Espiño |
-
María Rey dá por finiquitada a comisión do PXOM
Por Redacción |
-
O Colexio de Arquitectos tamén opinará sobre o PXOM de Pontevedra
Por Redacción |
-
O PP propón que a comisión especial do PXOM se desprace a Santiago para resolver dúbidas con Urbanismo
Por Redacción |
-
A comisión do PXOM vólveselle en contra ao PP
Por Alejandro Espiño |
-
A oposición solicita un informe aos técnicos municipais sobre o PXOM e o BNG négase a pedilo
Por Alejandro Espiño |
-
Consultora Galega estima que o PXOM quedaría listo por 200.000 euros máis
Por Redacción |