O Concello cualifica de "caza de bruxas" as acusacións do PP de premiar con contratacións a responsables do BNG
Por Redacción
As declaracións de César Abal, edil do Partido Popular en Pontevedra, acusando o goberno local de "premiar a membros do BNG na provincia" a través de contratacións, concretamente a Manuel Domínguez Rey, responsable comarcal do BNG no Salnés, tiveron este xoves unha contundente resposta por parte do Concello.
Exercendo de portavoz do equipo de goberno Demetrio Gómez defendeuse asegurando que "nós non lle miramos a ninguén o carné, supoñemos que contratamos a xente de todas as cores porque non lle miramos a ninguén se é do PP, do PSOE, de Podemos ou do Bloque".
O concelleiro nacionalista explicou ante os medios de comunicación que "contratamos a un e a outros cun único criterio que é a solvencia técnica".
"Manuel Domínguez e a empresa Ventos fan un traballo excepcional", declarou Demetrio Gómez, polo que "dende logo pensamos seguir traballando con eles sempre que o siga facendo así de ben".
Para o goberno local as acusacións do Partido Popular supoñen unha "caza de bruxas", xa que "o que nos di César Abal é que hai que contratar as persoas se politicamente son adecuadas", sinalou o o edil pontevedrés.