O PP acusa ao Concello de Pontevedra de "premiar con contratos" ao responsable do BNG na comarca do Salnés
Por Redacción
O grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra acusou o goberno local de "empregar os cartos de todos os pontevedreses para premiar a membros do BNG na provincia", concretamente a Manuel Domínguez Rey, responsable comarcal do BNG en O Salnés dende o pasado mes de marzo.
"Manuel Domínguez Rey, que traballa baixo a denominación 'Ventos', foi o encargado de impartir actividades ambientais dentro do programa Noites Abertas. Función pola que recibiu máis de 4.500 euros", indicou este mércores o concelleiro popular, César Abal, quen sinalou directamente ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, para lamentar que "Lores trate de recompensar deste xeito a outros nacionalistas".
Así mesmo, os populares tamén tiveron acceso a outra factura emitida tamén a nome de Manuel Domínguez pola realización de obradoiros ambientais por un valor de preto de 5.100 euros.
"O señor Lores, a través do Concello de Pontevedra e cos cartos de todos os pontevedreses, pagou máis de 9.600 euros ao actual responsable comarcal do BNG no Salnés", manifestou César Abal, "é lamentable que os nacionalistas empreguen a súa condición no goberno para favorecer a outros membros do partido. O caciquismo bota raíces no Concello de Pontevedra".
"É probable que existan máis facturas a nome de Manuel Domínguez Rey e pagadas polo Concello de Pontevedra", sinalou o edil popular quen avanzou que "continuaremos traballando neste asunto, fiscalizando a xestión dos nacionalistas, pois os pontevedreses teñen dereito a coñecer onde inviste o señor Lores os seus cartos", sentenciou.