A loita contra o lume saca a cabalería
Por Natalia Puga
Heredia, Heinze, Incendiario e Lugano son literalmente a cabalería que sacou ao monte o operativo de prevención e loita contra os incendios forestais. Son, en concreto, parte da Unidade de Cabalería da Comisaría Xeral de Seguridade Cidadá da Policía Nacional que este verán se despregaron en Galicia no marco da operación 'Lumes', unha tarefa na que lles acompañan outros oito cabalos e un total de 15 xinetes e que tamén inclúe a vixilancia do Camiño de Santiago para dar seguridade aos peregrinos.
Os 12 equinos desprazados a Galicia dividíronse en dous grupos, a metade para as provincias de Pontevedra e Ourense e os outros seis para A Coruña e Lugo. Heredia, Heinze, Incendiario e Lugano forman parte do equipo da zona sur da comunidade e este xoves patrullaron os arredores da cidade de Pontevedra, incidindo de forma especial na zona das marismas de Alba e o Camiño Portugués a Santiago.
Desde a súa sede en Pontevedra desprázanse a toda a provincia e tamén a Ourense segundo os itinearios que lle asigna semanalmente a Xefatura Superior de Policía, de tal forma que a diario adoitan percorrer máis de 200 quilómetros nun camión policial preparado para o traslado dos animais e uns 20 dacabalo a través de zonas de monte ou do Camiño de Santiago, segundo explicou Jacinto González, subinspector da Comisaría Xeral de Cabalería.
A campaña comezou xa o pasado 14 de xullo e prolongarase ata o 31 de agosto, pero, ata o momento, desenvolveuse con total normalidade e non se enfrontaron a ningún delito ou situación extraordinaria. Si detectaron que "hai moito peregrino no Camiño Portugués", pero os camiñantes cos que se cruzan non adoitan xerarlles ningunha intervención. De feito, o que máis lles piden é facer fotos con eles.
As tarefas que lles asignaron son a prevención de incendios e, en caso de atoparse con algún lume ou incendiario, actuar, pero tamén a vixilancia do Camiño. De todos os xeitos, como policías que son, tamén teñen funcións de orde pública e atención ao cidadán, de modo que "actuariamos en calquera outra actividade delituosa".
Relacionadas:
-
Espectacular presentación da Unidade de Cabalería que patrullará montes e camiños
Por Cristina Saiz & María José Pita |
-
A Policía Nacional saca a cabalería para axudar ao peregrino e previr incendios
Por Natalia Puga |
-
Luz verde á Senda Cabalar do Lérez
Por Redacción |
-
Loita a cabalo contra os incendios forestais
Por Redacción |
-
Todos contra o lume, tamén a cabalo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Policías a galope contra os incendiarios
Por Natalia Puga |
-
A loita contra os incendios forestais tamén se libra a cabalo
Por Redacción |