Todos contra o lume, tamén a cabalo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A loita contra os incendios forestais ten un novo aliado nos montes de Pontevedra. Seis cabalos da Unidade de Cabalaría do Corpo Nacional de Policía patrullan a diario entre 40 e 50 quilómetros con fins preventivos e disuasorios para evitar que cheguen a producirse lumes. Non teñen encomendadas as tarefas de extinción, senón só de vixilancia e alerta en caso de que detecten lume ou a presenza dalgún incendiario
O dispositivo púxose en marcha o pasado 10 de xullo e durará, segundo as previsións, ata o 31 de agosto. Ata entón terá despregado en toda Galicia un Subgrupo de Cabalaría da Policía Nacional composto por doce xinetes cos seus cabalos e dous policías de apoio, baixo as ordes dun subinspector. A metade do operativo ten a súa base de operacións na Comisaría de Pontevedra e a outra metade en Santiago de Compostela.
Paula Castro é unha das policías asignadas á zona de Pontevedra e explica que este operativo se repite este verán despois do resultado "satisfactorio" do primeiro ano en que estivo activo, 2013. Ata o momento, non se encontraron con ningunha situación conflitiva nin se viron obrigados a enfrontarse a ningún incendiario, de modo que o balance é positivo.
Dende a súa sede de operacións na Comisaría de Pontevedra, os cabalos pasan a noite nunha hípica da parroquia de Marcón e destinan os días a patrullar os montes pontevedreses con especial incidencia nos de Pontevedra, Marín, Vilagarcía, Ponteareas, Vigo e tamén se desprazan ata a provincia de Ourense. Logo de percorrer entre 40 e 50 quilómetros por servizo, regresan a descansar.
"Nuestra labor es mayormente preventiva, ver que no pasa nada y si encuentras a una persona en actitud sospechosa, dar aviso", indica a axente. Para garantir que a súa misión se cumpre, sempre patrullan de dous en dous e o horario específico dos seus paseos a cabalo polos montes fíxase en función das necesidades do operativo global de loita contra o lume, a 'operación Lumes'.
Cada mañá desprázanse en camión ata a zona na quehan sidos requiridos e, unha vez alí, percorren zonas de difícil acceso para outro tipo de efectivos de prevención contra o lume e prestan especial atención ás parroquias de especial vixilancia que marcou a Xunta de Galicia, que dirixe o operativo global contra o lume. En función das necesidades de cada día, patrullan todos de mañá, de tarde ou repartidos en dúas quendas de oito horas e mesmo poderán darse días en que se lles designen zonas de patrullas novas.