Viascón, de festa en festa, entre xullo e agosto
Por Redacción
A parroquia cotobadesa de Viascón xa se atopa inmersa na organización e celebración das súas festas de verán. Unha ampla programación que comezará este domingo 24 de xullo e que se estenderá ata os festexos patronais de agosto.
As festas de xullo comezan o domingo cunha verbena que contará coa actuación da formación Abanico e do trío Unión y Fuerza. Xa o luns, xornada festiva en toda Galicia, o programa comezará cun pasarrúas a cargo do grupo Cruceiros de Tremoedo. Posteriormente, ás 13.00 horas oficiarase unha misa solemne que será cantada polo coro da parroquia e os actos concluirán cun concerto da Banda de Gaitas Airiños de San Xulián de Marín.
Por outra banda, a comisión veciñal organizadora está a traballar para pechar o programa de actividades das festas de agosto, que xa se coñece que contarán, como prato, forte, coa actuación musical da banda de Brilat.
Estas celebracións desenvolveranse entre os días 26 e 28 de agosto.
Na súa presentación, o alcalde Jorge Cubela quixo destacar o "esforzo e traballo" realizado pola parroquia para sacar adiante unha enorme cantidade de actividades, festivas, sociais e culturais, durante todo o ano e lembrou que en maio tivo lugar a cita gastronómica do becerro ecolóxico ao espeto e que enchen de festas os meses centrais do verán.
"Viascón é un exemplo do dinamismo que hai en todo o concello, o que nos converte nun territorio vivo que é referencia de moitas cousas en toda Galicia", explicou Cubela.