Os bombeiros interveñen en Cruz Gallástegui ante o perigo de caída de losetas
Por Redacción
A alerta por parte do presidente da comunidade dun edificio do perigo de desprendemento dunhas pezas de lousas na rúa Cruz Gallástegui provocou unha rápida intervención dos Bombeiros do Parque de Pontevedra durante o mediodía deste martes 12.
Dous camións trasladáronse ata o número 3 desta céntrica rúa pontevedresa. Alí foi necesario estender a escaleira para que os bombeiros retirasen as lousas frouxas situadas no teito do balcón do terceiro piso deste edificio.
A Policía Local cortou o tráfico nesta rúa durante máis de media hora, o tempo que levou aos bombeiros comprobar que o resto de lousas da cuberta atopábanse perfectamente suxeitas e non existía o risco de que se puidesen desprender fragmentos da fachada.
En 1998, nunha rúa moi próxima, Blanco Porto, a caída dunha lousa causaba a morte dun mozo de 19 anos ao golpearlle na cabeza. Este suceso provocaba que o goberno publicase unha ordenanza que obriga aos propietarios para revisar, cada dous anos, a fachada dos edificios da cidade.
Os bombeiros tamén tiveron que cortar as pólas dunha árbore en Ponte Sampaio durante esta mañá, que estaba afectando ao tráfico rodado.