Críticas do BNG á "deplorable imaxe" que ofrece Marín pola falta de limpeza e coidado
Por Redacción
O grupo municipal do BNG en Marín denuncia que a imaxe que ofrece o municipo nas rúas e lugares turísticos de referencia é "lamentable". Aseguran que os visitantes que nestes días de vacacións se achegan a Marín observan que "as rúas do casco histórico están cheas de lixo e con aspecto de non recibir a limpeza que os servizos municipais están obrigados a prestar".
Os nacionalistas critican que a concellaría de Medio Ambiente está "máis preocupada de gastar os cartos públicos en decorar farolas que en atender os servizos básicos"
Coma "especialmente deplorable" califican o estado que presenta o entorno da Praza de Abastos: Serafín Tubío, Augusto Miranda, praza da Veiguiña, Banda do Río ou Ribeira de Arriba.
Os nacionalistas afirman que o goberno local do PP "non pode aducir que esta desatención sexa debida á falta de persoal", xa que nestes momentos conta con operarios do plan de emprego da Deputación e da Xunta ademais das empresas privadas que supostamente palían a falta de persoal durante o período estival.
"O mesmo estado, ou peor, presenta o entorno das praias", di o BNG.
Na súa denuncia din que as silvas "invaden" o entorno dun lugar tan visitado como os petróglifos de Mogor. "A maleza xa é máis alta que a muralla que bordea a barriada" e lamentan que os propios veciños "cansos de reclamarlle ao Concello" tiveron que botar man de brocha e pintura para sanear os bancos nos que xa non era posible sentarse debido ao seu estado.
O paseo das praias está sen rozar, o balado está deteriorado "e resulta xa difícil de identificar o carril bici". Engaden o "deterioro progresivo" do Lago de Castiñeiras.