Apoio ao programa de doutoramento do Campus CREA S2i
Por Oskar Viéitez
Na sesión celebrada este luns na sede do vicerreitorado, na Casa das Campás, o Consello do Campus de Pontevedra deu o seu apoio unánime á memoria do programa de doutoramento, o que será o primeiro produto académico do proxecto de especialización denominado CREA S2i.
Este documento deberá agora pasar polo Consello de Goberno da institución académica antes de ser remitido á Xunta para obter a acreditación necesaria para a súa implantación por parte da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).
O programa de doutoramento, que se espera estea implantado no curso 2017/2018, contempla seis liñas de investigación que vinculan a innovación cos campos da saúde, o deseño, a comunicación, os recursos naturais, o bo goberno e a docencia. Nel participan 111 investigadores, dos que preto dun 20% pertencen a outras universidades e centros de investigación.
A principal novidade deste programa de doutoramento, que contará cun total de 20 prazas, é que está aberto a investigacións que, polo menos, vinculen dúas das seis liñas de investigación que abarca. Por iso é polo que o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, subliñou que se trata dun programa que busca "sumar á oferta de doutoramento xa existente do campus".
O propósito é que sexa "un reflexo dun campus multidisciplinar e cre sinerxias entre titulacións", engadiu o vicerreitor dunha iniciativa que Mato definiu como o "paraugas que permite que se desenvolvan tese de doutoramento en todas as liñas de investigación do campus" e que, dado o seu carácter global, servirá tamén "como unha ferramenta de internacionalización á hora de atraer a alumnos de fóra".
Con esta meta suma ao profesorado do campus, a participación do PDI dos campus de Vigo e Ourense, así como de investigadores do CSIC e do Sergas e de universidades de diferentes países europeos e americanos, como a Sheffiel Hallam University británica, a Universidade de Turín ou a Universidade Nacional de México.
Na reunión deste órgano colexiado, o reitor tamén abordou no seu informe diferentes cuestións vinculadas á actualidade do campus, como a futura cesión por parte da Xunta de Galicia de catro plantas do edificio administrativo de Benito Corbal, que supoñerán "a primeira inxección de infraestruturas" do proxecto CREA S2i, xa que nel asentaranse tanto a súa sede corporativa como diferentes iniciativas vinculadas ao mesmo.
Do mesmo xeito, Mato tamén destacou a "aposta" do Concello de Pontevedra pola Universidade, traducida recentemente nun convenio de colaboración no que se inclúe a bonificación do 95% do IBI, e incidiu na colaboración sistemática que a institución académica mantén coa Deputación de Pontevedra a través do acordo marco de colaboración asinado a finais de 2015.
Relacionadas:
-
O campus de Pontevedra está pendente do ministro Méndez de Vigo
Por Redacción |
-
Primeiros pasos nos despachos para a rehabilitación do edificio administrativo da rúa Benito Corbal
Por Redacción |
-
O edificio da Xunta en Benito Corbal abre as súas portas para un 'recoñecemento'
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O edificio municipal de Santa Clara, novo "berce" do emprendemento local
Por José Alberto Graña Pérez |
-
O Campus Crea e o edificio da Xunta de Benito Corbal, novo "campo de batalla" municipal
Por Redacción |
-
A Deputación e a Universidade de Vigo abordan a creación dun observatorio de turismo
Por Oskar Viéitez |