A Audiencia xulgará a próxima semana varios casos de narcotráfico en Marín e O Salnés
Por Oskar Viéitez
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia facilitou os escritos de acusación dos xuízos que a Audiencia Provincial de Pontevedra celebrará para a próxima semana na que destaca o previsto para o martes 14 na Sección Segunda, por un caso de tráfico de drogas que procede do Xulgado de Instrución número un de Marín. O fiscal pide tres anos e tres meses de prisión e 15.000 euros de multa para un home acusado de vender cocaína.
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía a Garda Civil interceptouno na estrada PO-551 que comunica Marín e Rande en posesión de 60 gramos de cocaína que estaba destinada polo acusado para ser vendida a terceiras persoas.
O mesmo día e na mesma sala xulgarase outro caso moi similar de tráfico de drogas. O fiscal tamén pide tres anos e medio de prisión, ademais de multa, para un home acusado de vender cocaína, nesta ocasión o instrutor é o Xulgado número tres de Porriño.
E na Sección Cuarta están programados dous xuízos nos que se espera que cristalice o acordo previo alcanzado entre a fiscalía e as defensas dos acusados. De novo o tráfico de drogas é o motivo que senta no banco dos acusados a sete persoas acusadas de traficar na zona do Salnés.
A Fiscalía Antidroga solicita inicialmente penas que oscilan entre os catro anos e medio e os cinco anos e medio aínda que o pacto coas defensas reducirá as penas a cambio da confesión dos procesados.
Finalmente a Sala verá un caso de insolvencia punible que procede do xulgado de Marín. Xúlgase o administrador dunha sociedade por presentar a solicitude de concurso máis tarde do debido e por agravar presuntamente con diferentes operacións a situación de insolvencia da entidade, da que era administrador, actuando en favor propio e en prexuízo dos outros acredores. O fiscal pide dous anos e seis meses de prisión e multa de 17 meses con cota diaria de 30 euros.