As alfombras florais regresan a Bueu para o Corpus
Por Redacción
O Corpus de Bueu, unha das festas máis importantes do municipio, volverá a encher de actividade a vila esta fin de semana do 28 e 29 de maio, despregando a arte das alfombras florais, tan recoñecidas dentro e fóra das nosas fronteiras.
O sábado ás 12 horas iniciaranse os festexos cunha tirada de bombas, e xa pola madrugada os promotores poranse man á obra na confección das alfombras, que se poderán admirar o domingo ata a misa solemne das 18 horas.
A cerimonia relixiosa será cantada pola Coral Polifónica de Bueu, e a procesión estará acompañada da Banda de Música Artística de Bueu, Banda de Cornetas e Tambores de Cangas e o Grupo de Gaitas e Baile Recordos da Nosa Terra.
A zona de Casas Baratas vaise cortar ao tráfico ás 15 horas do sábado e a partir das 21.30 horas pecharase o tráfico nas restantes rúas polas que pasa o percorrido (Pazos Fontenla, Francisco Escáneo e Montero Ríos á altura de Eduardo Vincenti).
Ademais, a zona que vai desde o local de Lobocoxo ata Francisco Escáneo pecharase ás 8 da mañá do sábado, xa que os rapaces e rapazas das ANPAS de Bueu confeccionarán unha alfombra, tras a que se fará entrega dunha camiseta cos logos da asociación, concello e deputación para todos os participantes.
A procesión do Corpus leva facéndose dende hai máis dun século sobre os tapices florais en Bueu, se ben, o ano pasado modificouse o percorrido da mesma, tanto para lograr que todo o camiño estea cuberto de alfombras como para facilitar o acceso e desfrute dos cidadáns e dos visitantes.
Así, a procesión fará un percorrido circular de 1.5 quilómetros, que pasará polas rúas Eduardo Vincenti, Pazos Fontenla, Francisco Escáneo, para volver logo a Eduardo Vincenti.
Esta iniciativa naceu o ano pasado da man da Asociación Cultural das Alfombras do Corpus de Bueu, e tras o éxito acadado volve retomarse nesta edición.
Neste primeiro ano de vida da asociación, o Corpus e as alfombras de Bueu revitalizáronse e estendéronse máis alá da data da festa, coa realización das II Xornadas das Alfombras Florais, a participación no V Congreso de Arte Efímero de Noto, a colaboración na recuperación das alfombras das parroquias de Cela e Beluso ou obradoiros nos colexios e nos centros de día da vila buenense.
Ademais, esta arte floral está xa na última fase de ser aceptada como Festa de Interese Turístico de Galicia.
Relacionadas:
-
O Corpus pecha o ano cun acto no Concello
Por Redacción |
-
Bueu aproba solicitar a declaración de interese turístico de Galicia para as alfombras florais
Por Redacción |
-
Bueu arranxa os aparcadoiros para os visitantes que asistan ao Corpus
Por |
-
Bueu homenaxea os seus alfombristas máis veteranos
Por Redacción |
-
Aumentan as axudas económicas para a confección de alfombras do Corpus en Bueu
Por Redacción |
-
A Asociación das Alfombras de Bueu convoca un concurso de carteis
Por Redacción |