O Partido Popular propón axudas directas para apoiar a caza en Pontevedra
Por Redacción
O grupo provincial do Partido Popular proporá no pleno deste venres que a Deputación de Pontevedra aprobe unha liña de "axudas directas" para apoiar a actividade cinexética da provincia. Así o manifestou o voceiro do PP, Ángel Moldes, que mantivo este martes unha reunión cos presidentes da Federación Galega de Caza e da Federación Provincial de Caza, Javier Nogueira Diz e Francisco Couselo Castiñeira, e co presidente da sociedade de caza de Poio, Marcial García Freijeiro.
O popular defende que "as axudas son moi necesarias, porque apoiarán e manterán unha actividade de gran importancia para o medio, pero tamén para o desenvolvemento socioeconómico da provincia".
Moldes salientou que "a caza é a actividade que máis representa o rural, ten moito arraigo e nos identifica como comunidade", e que se sirve de dinamizador e de desenvolvemento socioeconómico para a provincia.
Di o PP que "os cazadores son amantes do medio rural, fan unha labor moi importante no coidado do monte e das especies"
Non hai que esquecer, segundo o PP, que é o segundo colectivo que máis licencias federativas ten, 6.000 en Pontevedra, sen contar aos moitos cazadores da provincia que teñen actividade pero non están federados.
Por este motivo, defende que é importante dedicar esforzos para participar e facer achegas que poidan mellorar a caza ou os elementos relacionados con ela, como por exemplo ofrecer recursos para a repoblación, a mellora do hábitat, a sinalización, o asesoramento externo.
Nesta liña, dixo que é fundamental "afastar a caza de falsos estereotipos", porque "os cazadores son amantes do medio rural, fan unha labor moi importante no coidado do monte e das especies".
Pola súa parte, o presidente da Federación Galega de Caza, Javier Nogueira, puxo en valor a caza "como a actividade deportiva con maior desenvolvemento no rural de Pontevedra, e tamén de Galicia", e facendo un símil futbolístico, dixo que "non todos os concellos de Galicia teñen un equipo de fútbol, pero si todos teñen como mínimo unha sociedade de caza, e algúns incluso dúas".
"A caza é unha actividade moi arraigada na sociedade galega e pontevedresa", manifestou Javier Nogueira, quen destacou que en Galicia non hai a diferenciación social que hai noutras partes de España.
Neste sentido, dixo que a caza en Galicia "iguala socialmente, dinamiza o medio rural, e incluso é capaz de colaborar para desestacionalizar outro tipo de turismo".