A experiencia lectora dunha estudante de Cambados, recoñecida nun certame internacional de blogs
Por Redacción
O blog de literatura 'Albatecuenta' no que a alumna do instituto Francisco Asorey de Cambados Alba Sánchez Barco conta a súa experiencia como lectora recibiu o primeiro premio do concurso de blogs '¿Qué estás leyendo?' , convocado pola Organización de Estados Iberoamericanos para la Educación, la Ciencia y la Cultura e a Fundación SM.
O blog premiado tamén aborda temas do seu interese como o cine e mesmo promove o coñecemento doutros blogs. A estudante presentouno á edición española deste concurso e, tras ser premiado, este martes recibiu o seu recoñecemento nun acto de entrega de premios no que a acompañaron o delegado da Xunta en Pontevedra José Manuel Cores Tourís; o xefe territorial da Consellería na provincia, César Pérez Áres; a súa titora, Ana Ruth Arnosa; e a directora do centro, María Luísa Prieto Cendán.
A organización tamén concedeu catro mencións especiais, unha delas a Inés Rodríguez Chas, do IES María Casares (Oleiros, A Coruña), polo blog 'Casi un millón de historias'.
Un total de 68 estudantes españoles de entre 15 e 17 anos participaron no certame 'Qué estás leyendo?', que dá voz aos estudantes lectores para fomentar este hábito. A iniciativa busca dar cabida a unha gran diversidade de orientacións, temáticas e de linguas dos participantes, así como fomentar o intercambio de opinións e de interaccións que facilita a rede.