Creatividade e crítica social inundan Pontevedra no seu XXX desfile de Entroido
Por Diego Torrado
Van 30 anos, 30 desfiles enchendo de cor, orixinalidade e creatividade as rúas de Pontevedra. E a ilusión de participantes e público segue intacta. A segunda xornada do Entroido 2013 tivo este sábado como prato estrela o tradicional desfile polas rúas de Pontevedra. Comparsas con traxes atemporais conviviron con disfraces máis vinculados a asuntos de actualidade nun percorrido máis longo do que viña sendo habitual nas últimas edicións.
O Rei Juan Carlos acompañado cun elefante ao que foi matar a Botswana, un Mariano Rajoy en tamaño xigante armado cunhas tesoiras para os temidos e criticados recortes e sobres, moitos sobres que fan referencia aos famosos sobresoldos a dirixentes do PP que sacaron a relucir os medios de comunicación nas últimas semanas.
Para todos houbo oco nun percorrido que comezou en Xosé Malvar ás 17.00 horas e rematou na rúa Echegaray máis de tres horas e media despois. E no que non faltaron os traxes de fantasía e os grupos musicais e carrozas con 'atrezzos' clásicos como o de Cleopatra ou as esfinxes exipcias.
Todos confluiron na verbena convocada na praza da Ferraría, na que, ademais, os membros do xurado deliberaron e entregaron os premios do concurso de disfraces 2013 en cada unha das modalidades. En indivual, os gañadores foron 'O home do espello paseando aos seus cans' (1), 'A dama de papel de agasallo' (2) e 'Mr Mirror' (3) en disfraces, fronte a 'Lady Ja Ja' (1), 'Sos Sor María' (2) e 'Xogo da miña infancia' (3) en fachas.
Na categoría de parexas os premios recairon en 'El tiempo es oro' (1), 'Aves del paraíso' (2) e 'Co reciclaxe fago un traxe' (3) en disfraces e 'Fondo de Inmersión' (1), 'A dieta do colesterol' (2) e ' Un gallego en la luna' (3) en fachas. En grupos gañaron 'Burlesque' (1), 'Pearl Harbour. Samieira' (2) e 'Los payasos de la tele' (3) en disfraces e 'Los parranderos de Pontevedra' (1), 'Operación Galo-Ping' (2) e 'O Recortador. Os de sempre' (3) en fachas.
Nas comparsas, o xurado premiou a 'Os da Caña' (1), 'Os Solfamidas' (2), 'Os parrulos de Marín' (3), 'Las flores del Carnaval' (4) e 'Clave de Sol' (5). Ademais, levaron un accesit os integrantes da comparsa 'A Esmorga' e o premio único extraordinario convocado na edición 2013 na honra de Ravachol racaiu en 'Os parrulos de Pontevedra'.