Linorsa debe 3.000 euros a cada traballadora da limpeza na Cidade Infantil Príncipe Felipe
Por Anxo Lourido
As catorce empregadas de Linorsa, entidade que realiza a limpeza da Cidade Infantil Príncipe Felipe, sinalan que a empresa lles debe a metade da nómina de decembro, a paga extra de marzo, atrasos do convenio colectivo de 2014-15 e tampouco cobraron a nómina de abril. En total, as 12 traballadoras e os dous operarios que realizan este servizo non percibiron ao redor de 3.000 euros da súa nómina. Por este motivo, a través de Comisiones Obreras, representantes do comité de empresa reclaman á Deputación provincial que rescate o contrato de maneira inmediata para poder adxudicar a concesión a outra entidade que garanta o pago ao persoal.
Linorsa atópase en concurso de acredores e o secretario comarcal de CC.OO., José Luis García Pedrosa, espera que o Xulgado do Mercantil levante o embargo establecido por parte da Seguridade Social e de Facenda. Segundo explica o dirixente sindical, desta forma a empresa podería contar con ingresos para adquirir material e abonar as nóminas.
Para García Pedrosa, en calquera caso, carece de sentido que a Deputación non rescate a concesión cando xa o fixeron tanto o Concello de Vigo como o SERGAS noutros servizos públicos. "Que se deixen de aparentar preocupación" cando, segundo sinala, non se puxeron en práctica as medidas necesarias para resolver esta situación malia os encontros mantidos entre as traballadoras e a deputada Eva Villaverde.
Os representantes do comité de empresa estudan a opción de retomar os actos de protesta no caso de que desde a organización provincial non se adopten medidas que permitan o cobro dos salarios.
Relacionadas:
-
As traballadoras da limpeza en Príncipe Felipe convocan unha folga indefinida
Por Oskar Viéitez |
-
Propoñen que Linorsa non poida traballar para o Concello durante dous anos
Por Redacción |
-
O Sergas inicia os trámites para rescindir o contrato con Linorsa
Por Redacción | Creada e actualizada
-
As traballadoras de Linorsa no Príncipe Felipe síntense enganadas pola Deputación
Por Redacción |
-
A Deputación sancionará a Linorsa se non paga ás traballadoras
Por Redacción |