O Sergas inicia os trámites para rescindir o contrato con Linorsa
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Sergas iniciou os trámites legais para rescindir o contrato de Linorsa, empresa encargada do servizo de limpeza dos 22 centros de saúde da área sanitaria de Pontevedra.
Así o confirmou este mércores a Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés ante o conflito laboral e as continuas faltas de pagamento ás traballadoras.
Nada máis coñecer a decisión, a central CIG celebrou unha asemblea de traballadores na que decidiron de xeito maioritario suspender a folga convocada ata o vindeiro domingo. A partir de agora a federación de Servizos do sindicato anuncia que permanecerá vixiante co proceso concursal aberto na compañía, que mantén débedas con Facenda e coa Seguridade Social, para garantir que o persoal cobre os salarios e as débedas pendentes.
A rescisión do contrato de Linorsa farase efectiva unha vez que o Sergas formalice un acordo cunha nova firma, de aí que xa se deran os primeiros pasos para sacar a concurso a licitación do servizo de limpeza dos centros de saúde da área sanitaria de Pontevedra.
Polo momento, xa contactaron con varias empresas do sector para valorar as posibilidades que teñen de presentarse ao novo concurso de contratación e, tendo en conta que no último procedemento de licitación concorreron ata seis firmas, está previsto continuar a rolda de contactos para ampliar o abano de alternativas.
Así mesmo, responsables do Sergas comunicaranse de maneira inmediata cos membros do comité de folga de Linorsa para ratificar esta información.
Desde Sanidade aseguran que este proceso de rescisión do contrato dá comezo unha vez que os trámites legais así o permiten.
Recordan que unha das causas que a Lei de Contratos do Sector Público contempla para a anulación dun acordo entre a administración e unha firma determinada é que esta entre en concurso de acredores, pero ata que non se publique no Boletín Oficial do Estado non é oficial.
Relacionadas:
-
As traballadoras da limpeza en Príncipe Felipe convocan unha folga indefinida
Por Oskar Viéitez |
-
Temen infeccións nos hospitais de Pontevedra ante a baixada do orzamento do servizo de limpeza
Por Redacción |
-
Propoñen que Linorsa non poida traballar para o Concello durante dous anos
Por Redacción |
-
Linorsa debe 3.000 euros a cada traballadora da limpeza na Cidade Infantil Príncipe Felipe
Por Anxo Lourido |
-
Arredor do 80% do persoal de Linorsa secundou a primeira xornada da folga nos centros de saúde
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
As traballadoras de Linorsa no Príncipe Felipe síntense enganadas pola Deputación
Por Redacción |
-
Preocupación no persoal de Linorsa tras a entrada da empresa en concurso de acredores
Por Redacción |