Sanxenxo pon a proba aos aspirantes a Policía Local
Por Redacción
Un total de 49 persoas participaron este mércores nas probas físicas organizadas en Sanxenxo como parte do proceso de selección dos 24 auxiliares que reforzarán o labor que desempeña a Policía Local durante a tempada de verán.
Cinco delas quedaron descartadas nesta primeira xornada tras non superar as probas de salto vertical realizadas no pavillón de Baltar, e a carreira de 1.000 metros lisos que se disputou no campo de fútbol e que debían nun tempo estipulado en 4,30 minutos para os homes e 5 minutos para as mulleres.
Aos que pasaron as probas físicas espéralles agora os exames escritos tipo test, para a avaliación dos coñecementos sobre os contidos do temario incluído nas bases da convocatoria, ademais de asistir a unha entrevista persoal, encamiñada a determinar o grao de coñecemento do termo municipal e da toponimia local.
Nos próximos días, o tribunal publicará, tanto na páxina web como no taboleiro de anuncios do Consistorio, a lista de admitidos que terán que acudir ao curso que se desenvolverá na Academia Galega de Seguridade Pública, situada na Estrada.
Alí, os auxiliares da Policía Local adquirirán coñecementos sobre un temario integrado por doce unidades relacionadas co tráfico, o dereito penal, o dereito administrativo, os atestados e o rueiro, entre outros.
Unha vez que os contratados se incorporen ao persoal da Policía Local tamén recibirán docencia sobre aspectos concretos do municipio e a regulación do tráfico.
O Concello de Sanxenxo destinará a este fin unha contía de 104.637,62 euros, de maneira que formalizará 10 contratos de duración determinada a xornada completa de luns a domingo, cos correspondentes días de descanso semanal, por un período máximo de tres meses de duración e outros 14 por dous meses.