A voltas cos aparcamentos na reforma da Avenida de Lugo
Por Anxo Lourido
Arredor do mes de setembro, o concelleiro de Urbanismo espera iniciar a reforma urbana na Avenida de Lugo. Así llelo comunicou Antón Louro aos empresarios da zona cos que mantivo un encontro durante este mediodía. A obra desenvolverase cun prazo de execución de seis meses e cun presuposto de 1,3 millóns de euros. Según manifestou Louro o obxectivo é embelecer esa entrada a Pontevedra: "Isto vai manter a dobre dirección. Vai ensancharse o dobre ás beirarrúas, dar zona de carga e descarga e servizos. A rúa está agora bastante deteriorada".
Os empresarios da zona reclaman que a obra non lles prexudique a actividade comercial e que non pechen a rúa durante o período de reforma. Admiten que lles parece algo esaxerado que se amplíe case o dobre a actual beirarrúa que nas proximidades da rotonda do serradoiro actualmente xa supera os dous metros. E sinalan a súa preocupación ante a eliminación de aparcadoiros se non se lles dota dun espazo que facilite a carga e descarga ou se non se habilita un espazo alternativo de estacionamento.
Nas proximidades a esta zona, na urbanización de Valdecorvos, existe agora unha importante bolsa de aparcadoiros, segundo informaron os técnicos municipais os empresarios. Antón Louro apuntou que "buscaremos unha solución para os usuarios destes establecementos" en referencia aos talleres de automóbiles e tendas de recambios que se atopan nesta zona.