Esquece poñer o freo de man ao coche e encáixase contra a oficina de recadación do Concello
Por Natalia Puga
Un turismo Nissan Qashqai sufriu un curioso accidente na tarde deste xoves na rúa Ferreiros de Pontevedra. A súa condutora deixouno sen freo de man e, nun momento dado, o coche foise sen control e acabou encaixado nun edificio. Curiosamente, trátase da oficina de recadación do Concello de Pontevedra, na que se realiza o pago das multas.
Testemuñas presenciais indicaron que o accidente se produciu sobre as 19.30 horas da tarde deste xoves. Unha muller chegou a bordo do seu coche e aparcouno na rúa mentres baixaba un momento para facer un recado. Esqueceuse de accionar o freo de man e nin deixou ningunha marcha posta e, segundo estas testemuñas, en canto se foie, o coche empezou a moverse ata impactar coa cristaleira da oficina.
Inmediatamente, deuse alerta do accidente aos servizos de emerxencia. Ata o lugar desprazáronse axentes da Policía Local de Pontevedra.
Fontes deste Corpo indicaron que a raíz do accidente non se produciron danos nas instalacións municipais.