Sinaí Giménez, expulsado dun xuízo no que xulgaban o seu irmán tras chamar "racista" a un avogado
Por Natalia Puga
A Audiencia de Pontevedra xulgaba esta martes a Juan Paulo Giménez Jiménez por detención ilegal e lesións a un enxeñeiro e un bolseiro aos que supostamente confundiu coas persoas que dous días atrás asaltaran a súa casa co seu irmán de 14 anos dentro. O xuízo transcendía sen incidencias, pero o imputado é irmán do presidente da Asociación do Pobo Xitano de Galicia, Sinaí Giménez, este quixo acompañalo na súa declaración ante o xuíz e, chegado un momento, erixiuse na súa habitual postura de defensor dos dereitos das persoas de etnia xitana. Considerou que un avogado estaba a adoptar posturas racistas e empezou a revolucionar a sala. Rematou expulsado, non sen antes sacar a escena un caso que, en principio, nada tería que ver co que se estaba a xulgar, o do xenro dos xoieiros Tous que disparou a un asaltante da súa vivenda.
O momento álxido chegou xa na recta final da vista. Previamente, o acusado recoñecera xa que o 26 de xuño de 2009 apuntou dous homes ás portas da súa vivenda de Tomiño, que a un o lesionara ao golpealo coa culata da escopeta e que o outro se derrubara cando o obrigou a saír do coche, pero que todo o fixo porque estaba convencido de que un era o autor do asalto á súa vivenda. O seu avogado defensor xa habia argumentado que Juan Paulo Gíménez si retivo á forza e lesionou as súas vítimas, pero o fixo "por errro" e pediu o tribunal que teña en conta as circunstancias atenuantes de arrebato ou estado pasional, confesión ,reparación do dano (pagou a indemnización que lle pide o fiscal o día antes do xuízo) e dilacións indebidas.
Tan só se producira un pequeno incidente cando o irmán menor do acusado e de Sinaí Gimínez, que agora ten 18 anos, se contradixo coa versión dos feitos do seu propio familiar e os que relatara no seu día ante o xuíz e a súa nai berrou dende o banco pedindo o xuíz que non tivera en conta ese descoido: "señor juez, es un niño de 14 años que tenía, era un bebé".
Chegou o momento no que o fiscal, as acusacións e a defensa facían os seus informes finais do xuízo. O fiscal mantivo a acusación por un delito de lesións, un delito de detención ilegal e unha falta de lesións polos que pide para o acusado cinco anos de prisión e oito meses de multa. O avogado dunha das presuntas vítimas solicitou tamén a condena, pero soltouse na súa alegación. Reprochou que o procesado "no puede tomarse la Justicia por su mano" e pediu unha "sentencia ejemplar" condenatoria, que "ponga coto a estas situaciones, a personas que parece que no quieren acatar las normas, las de todos, porque las suyas las siguen a rajatabla".
A expresión espertou un murmulló entre o público. "Racista", empezou a repetirse ao longo da sala. Ata que Sinaí Giménez elevou a voz e reprochou: "Ya estamos con el racismo, como somos gitanos... ". O presidente do tribunal, o maxistrado Antonio Berengua, fixo un chamamento á orde e o avogado pediu desculpas por se as súas palabras se malinterpretar, pero Sinaí Giménez xa estaba enfadado. "Perdone, señoría", dijo, "perdone caballero, pero me sentó mal, el yerno de los Tous no es gitano y lo mató a tiros y está libre, no era gitano, sino payo, como usted". Os seus continuos comentarios obrigaron o xuíz a expulsalo da sala e el ergueuse sen reproches, pero non cesou de mencionar aos Tous e o racismo ata que pechou a porta tras el.
As dúas presuntas vítimas tamén declararon durante o xuízo. Ambos os dous sinalaron que estaban realizando unha auditoría sobre a iluminación público en Tomiño cando o procesado se achegou cun Audi A8 negro cos cristais tintados e preguntoulles que facían. Eles explicaron "que estabamos traballando", pero volveron cruzárllelo "dous ou tres veces" ata que, ao final, se lle cruzou no medio da estrada, "se puso en el medio, ya con el arma en la mano", obrigounos a deterse e fixérono porque "quedamos petrificados". Chegou o irmán menor e sinalando a un deles dixo "es ese, el calvo", de modo que empezou a reprochar ao condutor que asaltara a súa casa o día anterior. Eles dicíanlle "tranquilo, tranquilo, se está equivocando", pero non os escoitou, a ambos os dous golpeounos coa culata da escopeta, para retelos apuntados ata que chegou a Garda Civil, ao tempo que lles amedrentaba dicindo "soy asesino profesional, lo que tengo que hacer es pegaros un par de tiros y enterraros en un zulo".
A confusión do procesado tamén foi a dos axentes que acudiron ao lugar. As dúas presuntas vítimas, "les vimos como unos salvadores" e pedíronlles axuda, pero remataron eles mesmos detidos no cuartel como presuntos asaltantes da casa do acusado dous días antes. Ao final aclarouse a confusión e remataron libres. No xuízo, os gardas aseguraron que a súa descrición non coincidía coa achegada pola presunta vítima do asalto previo "en modo alguno" e un axente mesmo puxo en dúbida a veracidade de tal asalto.