Bueu busca o apoio da Deputación para ter piscina municipal
Por Redacción
O Concello de Bueu quere impulsar unha piscina municipal e este luns presentoulle ao deputado de cooperación, David Regades, un proxecto que busca o apoio da Deputación Provincial. Trátase dun plan que ten como singularidade "a súa aposta pola redución do consumo de enerxía" e que combina dúas dimensións: a deportiva e a da saúde.
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, reuniuse co deputado David Regades para presentarlle os proxectos estratéxicos de Bueu nos que o ente provincial participa, ben sexa a nivel orzamentario ou de compromiso político. Neste sentido, o tema central foi o proxecto da piscina municipal e o alcalde destacou a gran importancia que ten o benestar nas sociedades actuais.
Despois da reunión na Casa do Concello, o alcalde e o deputado dirixíronse á parcela onde se prevé instalar a piscina municipal, acompañados dos concelleiros Silvia Carballo e Fidel Castro e do concelleiro de deputado de cultura, Xosé Leal. Tras o encontro, Juncal concluíu que "estamos máis preto de que Bueu conte cunha piscina municipal" aínda que haberá que agardar a evolución do proceso e a busca de financiamento.
Segundo informou o Concello a través dun comunicado, David Regades quixo salientar o traballo do goberno provincial, xa que está permitindo que os municipios que teñen carencias en infraestruturas se vaian dotando delas. Ademais, insistiu en que "temos un compromiso cos concellos e cos alcaldes, e apostamos pola autonomía local, xa que é efectiva".