Bueu reclama os cartos comprometidos pola Xunta para a construción dunha piscina
Por Oskar Viéitez
Desde a alcaldía do Concello de Bueu vaise levar a pleno unha proposta institucional para instar á Xunta de Galicia á renovación do compromiso económico financeiro que adquirira no ano 2009 para a construción dunha piscina, solicitando ademais a súa colaboración nesta infraestrutura ao igual que se fixo noutros concellos da contorna.
Con esta proposta, Félix Juncal, alcalde de Bueu, lembra todos os antecedentes e trámites que se foron levando a cabo dende o ano 2006, cando o grupo municipal do BNG presentou unha moción para pedir a dotación dunha piscina para a vila morracense.
Tal e como se recolle na proposta que se levará a pleno, " no 2009, a Xunta de Galicia mostrou interese en apoiar esta iniciativa, dando lugar á sinatura dun convenio no que se fixaban aspectos xerais para a execución da mesma por parte do ente autonómico".
Mediante este acordo, a través da Dirección Xeral para o Deporte, a Xunta achegaría a cantidade de 2.200.000 euros e o Concello de Bueu, 550.000 euros. Nese ano, levouse a pleno ese acordo, así como a posta a disposición dos terreos das Lagoas á Xunta de Galicia.
Entre ese tempo e a actualidade, foron innumerables as ocasións nas que este Concello procurou reafirmar este compromiso, sen que se conseguise aínda o apoio autonómico, feito que desde a alcaldía se considera "inxusto", e máis cando "no que atinxe á nosa comarca do Morrazo, a Xunta de Galicia apoiou unha actuación similar a esta en todos e cada un dos concellos".
Relacionadas:
-
A piscina de Bueu será financiada entre o Concello e a Deputación
Por Redacción |
-
Bueu aproba en xunta de goberno o proxecto de piscina municipal
Por Redacción |
-
Bueu pedirá á Deputación os fondos para a piscina municipal que non logra da Xunta
Por Redacción |
-
Bueu promove un estudo de viabilidade para a futura piscina municipal
Por Redacción |
-
Bueu busca o apoio da Deputación para ter piscina municipal
Por Redacción |