A Xunta adxudicará unha vivenda social a unha familia con fillos menores desafiuzada
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Galicia adxudicará unha vivenda de promoción pública propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) no concello de Cotobade a unha familia con fillos menores afectada por unha execución hipotecaria.
A Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra estudou o caso na súa última reunión e propuxo a adxudicación directa da vivenda en rexime de alugueiro social, adxudicación que corresponde realizar á conselleira de Infraestruturas e Vivenda.
Os xulgados galegos están a informar aos afectados por execucións hipotecarias das medidas postas en marcha pola Xunta para que poidan acceder a unha vivenda.
O goberno galego recoñeceu que as axudas para paliar o drama dos desafiuzamentos non tiveron "toda a efectividade desexada" pola "falta de información" das familias.
En 2013 asinouse un convenio entre a Consellería de Vivenda e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para atender ás familias en dificultades e exercer o seu dereito constitucional á vivenda.
Este convenio engloba distintas medidas de "axuda urxente" recollidas en plans como o RehaVIta, un bono de vivenda social e do aluguer, entre outras, ou acordos con entidades financeiras como Abanca que poñen a disposición destas familias "que máis o necesitan" 240 vivendas baleiras de adxudicación directa.