A procesión do Encontro dá remate aos actos de celebración da Semana Santa
Por Diego Torrado
A ameaza de temporal quedou nun forte vento na cidade e a presenza dalgún chuvasco ocasional que non impediron a celebración da última procesión da Semana Santa pontevedresa.
O Encontro do Resucitado coa súa Nai a Virxe María realizouse ao termo da misa das 19.00 horas deste domingo 27. Desde a parroquia de San José saía a imaxe da Nosa Señora do Amor Fermoso, acompañada da súa confraría e das representacións. Pola súa banda, a imaxe do Resucitado, acompañada da Confraría da Vera-Cruz saíu de Santa María.
Ambas as imaxes realizaban un percorrido polo centro da cidade para coincidir na praza da Ferrería. Alí celebrouse un sermón para, a continuación, trasladarse toda a comitiva nunha única formación ata a parroquia de San José de Campolongo.
Con este evento finalizaban os actos previstos con motivo da Semana Santa nos que, por culpa do mal tempo, só tivo que suspenderse a procesión do Venres Santo.