O vindeiro luns haberá "Pleno de Paixón"
Por Redacción
Este próximo día 21, Luns de Paixón, a corporación municipal de Pontevedra celebrará un Pleno.
Na orde do día inclúese o vello plan da asociación Xoán XXIII para executar unha residencia para os seus alumnos nas instalacións de Fontesanta.
Ademais todos os grupos que integran a corporación municipal tratarán de acordar unha moción sobre o uso da antiga sede da Xunta en Benito Corbal.
Desde o concello preténdese meter présa á Xunta para que ceda o inmoble ante a súa evidente deterioración.
O proxecto do goberno local para este edificio é crear un viveiro de empresas vinculado á Universidade e outros usos públicos. No seu día mesmo se barallou, a proposta do PSOE, a posibilidade de que o edifico de Benito Corbal aloxase as sedes dos sindicatos.
Precisamente una das ideas que propoñía o Partido Popular era negociar unha permuta cos sindicatos para que abandonen o seu actual edificio na rúa Pasantería e converter ese inmoble de céntrica localización en "a gran biblioteca municipal da que carece a cidade".
O pleno do próximo luns debaterá a moción dos populares para que Pontevedra conte cunha biblioteca municipal, "un servizo que debe prestarse obrigatoriamente por lei nos municipios de máis de 5.000 habitantes". A única existente, na rúa Alfonso XIII, pertence ao Estado "e non cobre as demandas de espazo de lectura e estudo realizadas polos veciños", afirman desde o PP.
Ademais o PP levará a pleno unha moción sobre "os continuos ataques de Abel Caballero a Pontevedra".
Finalmente o PP presentou unha moción sobre un parque infantil da parroquia de Tomeza ante a proximidade dunha torreta da subministración eléctrica. En concreto piden os populares que se elimine o parque, non a torreta.