O novo pavillón da Parda terá capacidade para entre 1.500 e 2.000 persoas
Por Alejandro Espiño
O estudo de arquitectos Rodríguez + Pintos SLP será o encargado de redactar o anteproxecto para o novo pavillón polideportivo da Parda, que o Concello de Pontevedra ten previsto situar nos terreos do frustrado centro lúdico e deportivo.
A concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, acompañada de técnicos municipais, mantivo este luns unha primeira reunión cos arquitectos que elaborarán en proxecto para transmitirlles as necesidades para este espazo.
En principio, o Concello decidiu dar carta branca aos arquitectos para que ordenen os 33.000 metros cadrados de todo este ámbito. A prioridade será a situación do pavillón dentro destes terreos, xunto cunha ampla zona de aparcadoiros e a configuración dos accesos, que tamén estarán condicionados polo novo edificio xudicial.
Esta nova infraestrutura deportiva deberá ter unha capacidade de "entre 1.500 e 2.000" persoas, segundo avanzou Anxos Riveiro, e deberá servir para acoller campionatos de ximnasia, xa que os actuais pavillóns da cidade non o permiten polas súas características. A pesar diso, terá que estar habilitado para a práctica de calquera deporte baixo teito.
A partir deste anteproxecto, o Concello presentará unha proposta para o resto do espazo, onde inicialmente tamén se proxectaban piscinas e canchas polideportivas ao aire libre.
O que desaparecerá, case con total probabilidade, son as estruturas construídas para o proxecto inicial do centro lúdico e deportivo porque a edil do BNG cre que son "inservibles" e non se poderán aproveitar para esta nova formulación.
O Concello espera poder ter o proxecto redactado antes de que conclúa este ano.
Relacionadas:
-
O complexo da Parda promete ser, segundo o Concello, unha "revolución" deportiva e arquitectónica
Por Alejandro Espiño |
-
O PSOE prefire que a Deputación lle ceda ao Concello o pavillón e o campo de fútbol do Príncipe Felipe a facer un novo
Por Oskar Viéitez |
-
A ximnasia pontevedresa reclama un pavillón específico para a práctica deste deporte
Por Redacción |
-
O complexo deportivo da Parda será demolido para construír tres piscinas ao aire libre e catro pistas de pádel
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |