O complexo deportivo da Parda será demolido para construír tres piscinas ao aire libre e catro pistas de pádel
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Instituto Municipal de Deportes (IMD) do Concello de Pontevedra, aprobou na xunta reitora celebrada este luns o proxecto de explotación conxunta das piscinas de Campolongo e o complexo lúdico-deportivo da Parda. A cambio da concesión da explotación destes dous recintos por 40 anos, a empresa adxudicataria investirá máis de seis millóns de euros. Non se considera pagamento de ningún canon. O PP votou en contra.
Segundo explicou o concelleiro de deportes, Agustín Fernández, no anteproxecto contémplase que tres millóns de euros irán destinados á construción de tres piscinas ao aire libre, catro pistas de pádel cubertas, un parque infantil de 300 metros cadrados de superficie e un aparcadoiro para cen vehículos nos terreos da Parda.
Sobre as estruturas que empezou a construír Teconsa en 2008, e que se paralizaron poucos meses despois tras a quebra desta empresa, Agustín Fernández indicou que "no anteproxecto non se contempla salvar moito do que hai. Todos os estudos indican que son moi pouco funcionais e que non hai moitas posibilidades de salvalos". O edil situou a decisión en mans das empresas que opten ao contrato que tamén poderán formular melloras en forma de novas dotacións a maiores.
As piscinas que se construirán neste soar son de 25 por 14 metros, de 12,5 por 7 e unha infantil.
Os outros tres millóns de euros destinásense á reforma integral das "obsoletas" instalacións de Campolongo que serán renovadas, saneadas e ampliadas "adaptándose ás novas necesidades da poboación", o que esixirá o peche temporal desta dotación.
Nas piscinas de Campolongo preténdese unha ampliación aproveitando a totalidade da parcela a nivel de soto. A superficie total construída pasaría de 3.858 metros cadrados a 4.338 metros cadrados. Ao mesmo tempo haberá unha renovación total das instalacións técnicas das piscinas, saneamento do forxado do teito, renovación total dos vasos e praias e melloras de accesibilidade e evacuación para adaptarse á normativa actual. O centro pasará a ter ascensor e dúas escaleiras de emerxencia ao teito. Disporá dunha gran sala de fitness (505 metros cadrados) e catro salas de actividades (todas elas de máis de 100 metros cadrados). Na cuberta actual habilitaranse tres pistas de baloncesto e unha de futbito.
O Concello agarda acadar un acordo coa Xunta para a construción dun pavillón de ximnasia
Agustín Fernández espera que o proxecto poida licitarse o próximo mes de decembro, e sinalou que as obras terán unha duración estimada dun ano.
No que atinxe ao complexo lúdico-deportivo da Parda, abrangue unha superficie total de 34.487 metros cadrados. Se ben, se actúa sobre 22.185 metros iniciais, deixando outros 12.302 metros cadrados en previsión de alcanzar un acordo coa Xunta de Galicia para a construción dun pavillón de ximnasia.
Relacionadas:
-
O novo pavillón da Parda terá capacidade para entre 1.500 e 2.000 persoas
Por Alejandro Espiño |
-
O PP urxe ao Concello a que "mañana mismo" licite a reforma das piscinas de Campolongo
Por Natalia Puga |
-
As piscinas de Campolongo e o centro deportivo da Parda terán novo xestor en abril
Por Alejandro Espiño |
-
O contrato das piscinas de Campolongo será prorrogado para evitar o peche
Por Oskar Viéitez |
-
Os socialistas reclámanlle á Xunta "o orzamento escamoteado ao polideportivo da Parda"
Por Oskar Viéitez |
-
Instan á Xunta, coa oposición do PP, a compensar a Pontevedra por paralizar o Centro Lúdico da Parda
Por Redacción |
-
Críticas do PP local á construción de piscinas e pistas de pádel na Parda por ser deportes "minoritarios"
Por Diego Espiño |
-
Os socialistas piden o cesamento do concelleiro do PP, César Abal por "difamar"
Por Oskar Viéitez |
-
Fernández Lores: "Moreira só está defendendo os intereses do seu partido e facendo méritos para medrar no PP"
Por Redacción |
-
O PP propón que o centro lúdico e deportivo da Parda incorpore unha pista de skate
Por Redacción |
-
"Ampliar el Centro Deportivo de Campolongo puede acabar con el sector de gimnasios privados"
Por Diego Espiño |
-
A proposta de explotación conxunta de Campolongo e A Parda segue adiante a pesar do voto en contra do PP
Por Diego Espiño |