Sanxenxo, O Grove e Cambados, distinguidos como destinos náutico-deportivo excelentes
Por Redacción
Sanxenxo, O Grove e Cambados son tres dos 67 concellos de toda España que recibiron o galardón que os certifica como destino turístico excelente para a práctica de deportes e actividades náuticas, e preparado para acoller a turistas náutico-deportivos. Os tres recibiron a bandeira conmemorativa de mans do presidente da Asociación Española de Estaciones Náuticas, Joan Campolier, e a secretaria de Estado de Turismo, Isabel Borrego.
Este recoñecemento implica que en ditos destinos danse unhas condicións excelentes para a práctica de deportes náuticos, e que se impulsan desde eles actuacións para tematizar o destino como destino náutico, así como que se dispón dunha oferta de produtos especializados listos para a súa comercialización e contan cun calendario anual de eventos.
A alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, presente en FITUR para recibir esta bandeira, destacou a relevancia de formar parte da Estación Náutica Rías Baixas, a única existente na costa atlántica española, ao entender que "non debemos perder a oportunidade que nos ofrece esta vía de traballo e promoción ao tratarse dunha marca recoñecida a nivel nacional e internacional".
Esta foi a razón principal pola que Sanxenxo, xunto con O Grove e Cambados, apostaron o pasado verán por recuperar e impulsar unha iniciativa que defende unha xestión eficiente dos destinos náuticos e que "para nós supón a oportunidade de aproveitar sinerxias e de traballar en rede", subliñou a alcaldesa.
Catalina González adiantou ademais que o seguinte paso que dará a Estación Náutica Rías Baixas será o de comprometer ao sector privado dos municipios integrantes na promoción nacional e internacional dos seus servizos. A rexedora sanxenxina aposta así por importar a este proxecto a "exitosa experiencia de Turismo de Sanxenxo, unha sociedade mixta de xestión que constitúe un exemplo de colaboración dos sectores público e privado por un mesmo obxectivo".
Para a secretaria de Estado de Turismo, Isabel Borrego, o sector náutico é "esencial", por ser exemplo de turismo diversificador. Ademais, subliñou que "España es el país europeo con más superávit en este sector", polo que manifestou o seu compromiso e apoio coa rede de estacións náuticas. "Os vamos a seguir respaldando", engadiu. "Estamos en momentos de cambio y el turista que nos visita es más formado, busca algo más que el sol y playa, busca experiencias como las que ofrecéis".