O PP interesase polos problemas das instalacións deportivas da Xunqueira
Por Redacción
O grupo municipal do Partido Popular ven de manter unha xuntanza cos clubes usuarios das instalacións da Xunqueira para coñecer de primeira man as deficiencias que presentan os campos de fútbol municipais.
O portavoz popular, Jacobo Moreira, acompañado polo seu concelleiro de deportes, Tomás Abeigón, mantivo unha reunión con presidentes e representantes dos clubs de fútbol do municipio, Guadalupe Murillo (Pontevedra C.F.), Carlos Rodríguez (A.J.Lérez) e Oscar Ortigueira (A.C.D. A Seca).
"Todos eles fan uso das citadas instalacións tanto para os seus adestramentos como para os encontros deportivos que disputan cada fin de semana centos de rapaces da cidade", lembrou o edil popular, Tomás Abeigón, "por ese motivo son eles os que nos poden ofrecer unha relación pormenorizada das principais deficiencias".
"Unha vez analizadas as demandas que hoxe nos trasladaron, elaboraremos unha moción para presentar no vindeiro Pleno municipal que permita dar solución a estes problemas", destacou o concelleiro popular.
Entre as principais necesidades os representantes dos clubs destacaron a construción dun novo campo fútbol, o arranxo dos vestiarios ou a reactivación do servizo de bar-cafetería.