A Rede Africana de Mulleres Autarcas reúnese en Pontevedra co Fondo Galego de Cooperación
Por Redacción
María Helena Correia, presidenta da Rede Africana de Mulleres Autarcas, unha entidade que reúne a alcaldesas e concelleiras daquel continente, estará este luns 7 de marzo en Pontevedra e manterá un encontro coa Comisión Executiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que ten a súa sede no Centro Cívico Sur da cidade.
A reunión servirá para concretar a organización de distintas accións e avanzar na colaboración para fortalecer a Rede Mozambicana de Mulleres Autarcas, tamén presidida por María Helena Correia.
Segundo informou o fondo a través dun comunicado, unha das actividades conxuntas que previsiblemente se levará a cabo este ano no país lusófono é a realización dun workshop no que participarán concelleiras galegas e que xirará arredor das dificultades que se atopan as políticas e as ferramentas para superalas. Tamén se traballará arredor do papel das mulleres como axentes de cambio no poder local ou o traballo municipal en xénero.
Ademais, a visita servirá para perfilar a colaboración entre o Fondo Galego e Asociación Nacional de Municipios de Mozambique, da que é vicepresidenta Correia, con motivo do programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo. Este ano, un traballador especialista do ámbito da igualdade dun concello ou unha deputación de Galicia trasladarase durante o seu mes de vacacións a Mozambique para traballar no reforzo da organización interna e a planificación de actividades da entidade municipalista daquel país.
A esta xuntanza, que terá lugar o luns ás 11.00 horas, asistirán o presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, e a tesoureira e concelleira de Benestar Social de Pontevedra, Carmen Fouces.
A reunión forma parte dunha visita a Galicia de Correia que coincide coa conmemoración do Día Internacional da Muller e entre o luns e o martes 8 de marzo inclúe encontros coas alcaldesas de Cartelle, Pontecesures e Bergondo.