A partir do martes poderá reservarse praza nas escolas infantís de Sanxenxo
Por Redacción
Este martes, 8 de marzo, ábrese o prazo para a presentación de solicitudes de reserva de praza e novo ingreso nas escolas infantís municipais O Tombo (Padriñán) e O Revel (Vilalonga) de Sanxenxo para o curso 2016-17.
As persoas interesadas poderán entregar a documentación requirida no rexistro xeral da Casa Consistorial ou ben no do organismo autónomo Terra de Sanxenxo, situado no Pazo Emilia Pardo Bazán, ata o día 8 de abril (inclusive).
Finalizado ese período, tan só se admitirán peticións en caso de nacemento, acollemento ou adopción do menor con posterioridade á fase de inscrición, cambio de municipio de residencia da unidade familiar, ou outras circunstancias socio-familiares e laborais que o motiven e que estean xustificadas polos Servizos Sociais.
Para formalizar a reserva, os escolares xa matriculados deberán achegar o impreso correspondente. Os requisitos para os nenos de 0 a 3 anos que pretendan acudir por primeira vez pasan por acreditar a situación familiar, laboral e económica dos seus proxenitores.
Tras a publicación das listas definitivas de nenos admitidos, excluídos ou en espera, se os houbese, abrirase prazo para a aceptación da praza que irá desde o 1 ao 15 de xullo.
Os nenos poden acudir ás instalacións situadas en Padriñán e Vilalonga en xornada completa, é dicir, permanecendo de 6 a 8 horas de forma continuada ou repartida entre a mañá e a tarde; media xornada, acudindo catro horas á escola; ou media xornada máis unha hora.
A escola O Tombo dispón dunha aula de 0-1 anos, outra de 1-2 anos e unha terceira de 2 a 3 anos, ademais dun patio de xogos exterior común e outro cuberto, sala multiusos e zona de comedor, cociña con servizo propio e área de administración e dirección. A de O Revel conta con 2 aulas con patio de xogos exterior por cada franxa de idade, outro espazo de xogos común cuberto, sala multiusos e zona de comedor, cociña con servizo propio e área de administración e dirección.