O novo mapa de emerxencias creará 90 postos de traballo na provincia
Por Diego Espiño
Atender unha incidencia nun máximo de 30 minutos, ese é o principal obxectivo do novo mapa de emerxencias de Galicia que empezará a funcionar no mes de abril.
O mapa en cuestión, elaborado entre a Xunta de Galicia, Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e deputacións, considera a creación de 25 parques supramunicipais para dar cobertura ás zonas que ata agora non contaban con ningún servizo de emerxencias municipal ou provincial.
Na provincia de Pontevedra serán 6 as novas instalacións, con sede en Ponte Caldelas, Redondela, A Estrada, Lalín, A Garda e Val Miñor, ao que se suma un convenio especial cos servizos xa existentes de Sanxenxo e Ponteareas.
En cada unha destas instalacións crearanse 12 postos de traballo, ademais do reforzo necesario para Ponteareas e Sanxenxo, nunha selección de persoal que se levará a cabo durante o mes de febreiro, segundo o director xeral de Emerxencias Santiago Villanueva, "primarase á xente que teña experiencia en calquera tipo de servizos de emerxencia ou Protección Civil".
O servizo, que estará coordinado polo 112, será permanente as 24 horas do día e os 365 días do ano para poder atender incidencias como incendios forestais, incendios urbanos, accidentes en estrada ou fenómenos provocados pola natureza como inundacións ou danos por temporal.
O custo do proxecto para toda Galicia é próximo aos 8 millóns de euros anuais, unha cantidade que se reparten Xunta (60%), deputacións (20%) e concellos (20%).