Estafan unha pontevedresa 3.800 euros mediante o "timo da estampita"
Por Oskar Viéitez
A Policía Nacional alertou da presenza de tres persoas que lle estafaron a unha pontevedresa 3.800 euros mediante o procedemento do timo da estampita. Os feitos foron denunciados na tarde do mércores 24 de febreiro, unha muller, veciña de Pontevedra afirmaba ser vítima dunha estafa.
APARECE O "TONTITO"
Segundo informaron fontes oficiais da Comisaría, cando a muller transitaba polas inmediacións da Praza de Galicia foi abordada por un mozo que parouna para preguntarlle por un colexio de monxas. O rapaz, que simulaba ter unha discapacidade psíquica, levaba un bolso colgado ao ombreiro. A Policía denomina ao personaxe que interpreta este individuo coma "o tontito".
A CÓMPLICE
Mentres falaba co mozo, achegouse a eles unha muller (a "cómplice") preguntando que pasaba. O mozo abriu o bolso mostrando unha gran cantidade de billetes e díxolles que el non quería ese diñeiro. A cómplice respondeulle que non se preocupase e que elas lle axudarían a cambiar ese diñeiro por outro, evidentemente unha cantidade moi inferior á que o "tontito" parecía gardar no bolso.
A muller busca entón a complicidade da vítima para conseguir entre ambos os supostos billetes que o "tontito" garda. De modo que a convence para que achegue algo de diñeiro para logo repartirse o contido do bolso.
A SEGUNDA CÓMPLICE
Esta muller pídelle ao mozo e á vítima que lle acompañen, e os tres acoden xuntos ao portal dun edificio onde había outra muller esperándolles. Tratábase da "segunda cómplice", á que o seu colega pídelle que subise a casa e colla os 7.000 euros que tiña no caixón dunha mesa.
A segunda cómplice baixou ao momento cun sobre no que presuntamente levaba esa cantidade. É entón cando lle preguntan á vítima se ela tamén tiña diñeiro para achegar.
TRASLADO EN COCHE DA VÍTIMA AO SEU DOMICILIO
A vítima deste timo accedeu a que a trasladasen ao seu domicilio nun vehículo ocupado polas dúas mulleres e o mozo para coller en casa o diñeiro que tiña, uns 800 euros. Pero o mozo insistiu en que era pouco e pregúntoulle se non tiña máis no banco.
A muller novamente aceptou ir a un banco e alí retirou 3.000 euros. Despois de iso, regresaron de novo á Praza de Galicia e alí lle pediron que lle comprase no supermercado algo para comer ao mozo, porque este tiña fame.
Ao saír do establecemento, o vehículo cos ocupantes xa non estaba. Foi aí cando se decatou de que fora vítima do timo da estampita.