O Concello colaborará coas mariscadoras na rexeneración dos bancos marisqueiros de Ponte Sampaio
Por Alejandro Espiño
Catro meses sen faenar. ÿ o periodo de inactividade que deben pasar as 90 mariscadoras da cofradía de Arcade, a metade delas de Pontevedra. As correntes de auga doce provocaron unha elevada mortandade de almeixa e berberecho nos bancos marisqueiros de Ponte Sampaio. "Non puidemos nin rematar a campaña de Nadal", recoñecen as mariscadoras, incapaces de cuantificar as perdas. "Son demasiados cartos".
"Perdemos toda a cría, non só a que iamos extraer agora, senón a dos anos seguintes, ata o 2015", explica Rita, portavoz deste colectivo. O seu traballo nos próximos meses será limpar todo o banco marisqueiro e comezar coa semente de almeixa e berberecho. Unha labor que terán que afrontar sen apenas ingresos. "Algunhas temos dereito ao paro de autonómos, pero hai 20 mulleres que entraron hai apenas seis meses que non cobrarán nada".
Aseguran que moitas delas atópanse "nunha situación moi delicada". Por iso é polo que piden a colaboración do Concello de Pontevedra. Nunha reunión co alcalde, Miguel Fernández Lores, pediron a súa axuda, non para cobrar elas, senón "para ver como poden colaborar connosco na limpeza da ría ou na semente que temos que facer".
Fernández Lores, que se comprometeu a estudar a situación, lamentou que estas mariscadoras, que faenan principalmente na enseada de San Simón e nas inmediacións da vella fábrica de Pontesa, "pasen por unha situación lamentable porque non teñan onde traballar". Neste sentido, destacou que "é un sector moi importante e entendemos perfectamente o que están a pasar".
Por iso é polo que reiterase que desde o Concello "colaboraremos con elas non que poidamos". En todo caso recordou que as competencias nesta materia son da Xunta de Galicia e que esta elevada mortandade de bivalvos debeuse a causas naturais e non á contaminación. "Coas riadas excesivas de auga doce, que coincidiron con mareas moi baixas, morreu moita ameixa, e que non deixe de chover tampouco lles axuda".
Relacionadas:
-
Entregan 7.500 euros á confraría de Arcade para sembrar o banco marisqueiro de ameixa xapónica
Por Alejandro Espiño |
-
Mariscadores de Ponte Sampaio e A Canicouva reciben axudas por unha mortaldade de ameixa de hai un ano
Por Redacción |
-
Querido De Guindos: Son Lores
Por Redacción |
-
A auga doce acaba coas ameixas da ría
Por Oskar Viéitez |