Multada con 600 euros unha testemuña da detención do fotógrafo Rafa Estévez na recepción dos olímpicos
Por Oskar Viéitez
Ía ser unha festa. No aeroporto de Peinador estaba preparada unha recepción aos deportistas olímpicos galegos, David Cal, Támara Echegoyen, Teresa Portela, Javier Gómez Noya e Begoña Fernández. Pero toda aquela alegría do acto de benvida quedou opacada por un lamentable incidente.
No medio de tantos familiares, amigos, políticos e medios de comunicación, os numerosos policías desprazados ata o lugar foron incapaces de garantir a saída da pasaxe. O alboroto foi máximo coa chegada do medallista David Cal. Nese contexto, mentres facía o seu traballo como fotógrafo do Diario de Pontevedra, foi detido Rafa Estévez.
Un grupo de axentes sacárono do aeroporto en volandas inmobilizándoo no chan, para levarlle esposado a un furgón policial. Tras catro horas en Comisaría, Rafa Estévez quedou en liberdade. A Policía asegura que Rafa Estévez golpeou a un axente na cabeza, pero o aludido e numerosas testemuñas negan tal actuación.
Un desas testemuñas do arresto do fotógrafo ven de recibir unha multa de 600 euros. O motivo, segundo a notificación, "orixinar desordes graves" ao recriminar aos axentes gritando frases como "represión policial", ou "represores", intentando "provocar reaccións no público".
O afectado, Juan García, amigo persoal do triatleta Javi Gómez Noya, explica que ante o que estaba sucedendo decidiu "intermediar para parar o exceso na resposta policial".
"Fíxeno con palabras simples", explica, berrando á policía cousas como "¡pero quereis parar!", ou "Esto es una fiesta" ou "me parece una barbaridad lo que estais haciendo", ata "pero por Dios, que esto no es necesario". Juan García acudiu á Subdelegación para pedir explicacións e reiterar a súa versión do ocorrido.
Mentres o procedemento aberto contra Rafa Estévez, continúa o seu curso. Está acusado dos delitos de desobediencia e atentado a axente da autoridade.
Recordemos que no seu día desde o PSdeG-PSOE cualificaron a actuación das forzas de seguridade como "a todas luces desproporcionada", o BNG pediu ao Goberno "depurar responsabilidades" e tamén o Sindicato Galego de Xornalistas denunciou a "violencia gratuita e innecesaria".