O mantemento dos colexios, novo cabalo de batalla entre o Concello e o PP
Por Alejandro Espiño
Os técnicos municipais levan traballando varias semanas no prego de condicións para que o Concello de Pontevedra saque a licitación o contrato para o mantemento dos centros escolares do municipio.
Esta contratación sería por 200.000 euros anuais e tería por obxecto asumir as obras e reparacións de mantemento que se realizan nos centros escolares de Infantil e Primaria do concello durante o curso escolar.
Non entraría neste contrato a realización de obra nova, xa que existe unha lexislación estatal que impide aos concellos realizar obra nova nos colexios e han de limitarse ao mantemento.
Tampouco os traballos relativos á reparación e mantemento das instalacións eléctricas, aire acondicionado ou calefacción nin pequenas reparacións puntuais que realizan a brigada de obras municipal.
A concelleira de Educación, Carmen Fouces, explicou que non se trata dunha privatización dun servizo público, xa que estas obras xa viñan sendo asumidas por empresas privadas. Pero agora, coa unificación nun mesmo contrato, "gañaremos en axilidade" á hora de tramitar e resolver os problemas que expoñan a dirección dos centros.
"Os colexios van estar encantados porque se lles van resolver os problemas case non momento", explicou a edil do BNG, que abriu a porta a ampliar a partida inicial se é necesario.
Pero para o PP, esta medida vai repercutir negativamente no estado dos colexios do municipio. A concelleira Aurora Cañizares lamentou esta medida privatizadora do goberno municipal e denunciou que os 200.000 euros previstos "non son suficientes" porque a media do investimento anual feito nesta materia no último lustro supera os 540.000 euros.
Ademais, Aurora Cañizares sinalou que é "lamentable" que as cuadrillas municipais de mantemento dos centros escolares "non poidan contar con persoal suficiente" para atender o traballo constante que necesitan os colexios do municipio.