Barro investirá 25.000 euros na construción dunha pista polideportiva en San Antoniño
Por Redacción
As infraestruturas deportivas de Barro sumarán unha nova instalación nos próximos meses. O goberno municipal aprobou este martes investir 25.000 euros na construción dunha pista polideportiva no núcleo de San Antoniño.
Esta pista, sinalan desde o Concello, virá a paliar a escaseza de equipamentos destas características no municipio, e vai permitir a práctica de varios deportes -fútbol sala, baloncesto, balonmán e voleibol- na mesma instalación.
É unha das tres novas actuacións recollidas dentro do orzamento do exercicio 2016 que serán financiadas con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación de Pontevedra.
A segunda é a pavimentación dun vial en Sequeiros por un importe de 34.426,70 euros. Trátase dun treito sen asfaltar dende hai moitos anos, polo que esta actuación vén a darlle continuidade ao pavimento xa existente para facilitar o acceso tanto aos veciños como ás empresas situadas no polígono industrial.
Outra das actuación é a ampliación de saneamento no lugar de Fonte de Curro, para rematar desta maneira a rede principal de sumidoiros na zona e proceder no futuro ao asfaltado do viario polo que transcorre de forma definitiva. Esta actuación ten un orzamento de 32.209,75 euros.