A Lama dará un cheque bebé de 500 euros aos nacementos rexistrados no municipio
Por Redacción
O alcalde da Lama, Jorge Canda, levará ao próximo pleno da corporación municipal a concesión dunha axuda de 500 euros por cada nacemento que se rexistre, a partir da súa aprobación, no municipio. Os beneficiarios desta axuda deberán acreditar o seu empadroamento no concello da Lama e terán a oportunidade de recibir esta contía durante un máximo de dous anos consecutivos.
Jorge Canda sinalou que esta iniciativa formaba parte do programa electoral co que o Partido Popular presentouse ás pasadas eleccións municipais onde no apartado de Benestar incluíase esta medida como unha das máis destacadas e que agora o rexedor pretende implantar no municipio.
O alcalde indicou que a intención do Concello da Lama é que estas axudas por nacemento sexan totalmente compatibles con calquera outra que se outorguen a nivel autonómico ou estatal e que a súa intención é fomentar dalgunha maneira a natalidade e, ao mesmo tempo, fixar poboación no municipio.
"Un dos problemas que teñen os municipios rurais e do interior da provincia, como o da Lama, é a baixa natalidade, o envellecemento da poboación e a necesidade de enraizar habitantes nos núcleos rurais xa que se non a poboación diminúe ao abandonar as aldeas por falta de oportunidades e iniciativas que axuden ás persoas que optan por quedar a atopar un aliciente máis", sinalou Jorge Canda.
"Desde logo que, por desgraza, nós non podemos solucionar en solitario estes problemas, pero temos a obrigación de tomar a iniciativa e poñer en marcha medidas reais e comprometidas para apostar neste camiño. Somos conscientes de que o problema do rural en Galicia precisa dunha política transversal onde conflúan alternativas para o emprego, a promoción dos sectores producivos básicos, apoio á vivenda e á mocidade. Só así se poderá solucionar este problema do que nós somos moi conscientes e estamos dispostos a botar unha man para melloralo. O apoio á natalidade con esta axuda de 500 euros anuais durante dous anos é unha máis coa intención de poñer solucións concretas a problemas reais", concluíu o alcalde da Lama.