O mal tempo non detén aos Reis Magos na súa visita adiantada a Ponte Caldelas
Por Redacción
O mal tempo non detén a maxia. Así o demostraron este luns os Reis Magos na súa visita a Ponte Caldelas. Adiantaran a visita a este municipio a pesar de que o seu día tradicional de chegada a todo o mundo é o 5 de xaneiro e, en especial, a noite do día 6. Nesta chegada anticipada, agardábanos centos de nenos que tampouco se detiveron pola intensa choiva destes últimos días.
Os nenos que agardaban nos baixos do Centro Cultural pasaron, de tres en tres, pola sala de exposicións onde estaban sentados os Reis Magos cos seus paxes. Déronlles a todos agasallos e caramelos e, a cambio, os máis pequenos da casa entregáronlles as súas cartas coas peticións para a noite de Reis.
Segundo informou o Concello de Ponte Caldelas, acompañaron a Melchor, Gaspar e Baltasar varios membros da corporación municipal, encabezados polo alcalde, Andrés Díaz, o tenente de alcalde do BNG, Lito Muíños, e a concelleira socialista Pilar Couto. Os políticos agradeceron a colaboración de entidades e persoas para manter acesa a ilusión dos máis cativos e lamentaron que as condicións metereolóxicas non acompañaran nesta tradicional actividade que pon o punto e final ao Nadal en Ponte Caldelas.
Ao rematar a Audiencia Real, a asociación de comerciantes Coempo, en colaboración coa Asociación de Mulleres Rurais do Verdugo, a Asociación de Mulleres Rurais de Xustáns e Aires del Norte y Olé ofreceron unha chocolatada gratuíta.